A utilidade do galego e os dereitos lingüísticos centran un ciclo de conferencias nos centros de ensino

25
  • As charlas serán impartidas por membros da Mesa pola Normalización Lingüística e están dirixidas a alumnado de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos.

A Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino está a programar un ciclo de conferencias dirixidas á mocidade para promover a reflexión sobre a utilidade da lingua galega. 

As charlas serán impartidas por membros da Mesa pola Normalización Lingüística e están dirixidas a alumnado de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos. Polo momento serán en liña e teñen unha duración de 50 minutos.

Conferencias e temáticas:

  • ‘O galego na empresa. Unha empresa de todas e todos’: exposición dos estudos de mercado que teñen en conta o factor da lingua en Galiza, sinalando casos de boas prácticas de uso do idioma no sector.
  • ‘Desmontando os prexuízos e as mentiras contra a lingua galega’: explicación do que significan os prexuízos lingüísticos, como funcionan e cales son os principais no caso galego. 
  • ‘Os dereitos lingüísticos’: analizarase que son; que lexislación os protexe; a aplicación real no caso da lingua galega e que accións permite a lexislación vixente.
  • ‘A historia da lingua desde os comezos da democracia’: ofrécese unha síntese das mudanzas sociais e lexislativas para o idioma galego desde o final do franquismo até a actualidade.
  • ‘Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa’: explícanse as dimensións do sistema lingüístico galego-portugués e as posibilidades que abre en diferentes ámbitos.

Calendario previsto

Abril

  • Xoves 8 de abril: 13-13.50 h – “O galego e as relacións cos países da lusofonía”, un grupo de 2º CS Aloxamento do CIFP Carlos Oroza
  • Xoves 8 de abril: 16-16.50 h – “Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa”, un grupo de 2º do ciclo medio de Servizos do CIFP Carlos Oroza
  • Venres 9 de abril: 9.50-10.40 – “O galego na empresa”, un grupo de 2º FP básica do CIFP Carlos Oroza
  • Venres 9 de abril: 10.40-11.30 – 2º FP básica: “O galego na empresa”, un grupo de 1º FP básica do CIFP Carlos Oroza

Maio

  • 3 de maio: 9.50-10.40 h: “Desmontando os prexuízos e as mentiras contra a lingua galega”, 3 cursos de 3º de ESO do IES Luís Seoane.
  • 3 de maio: 13.40-14.30 h: “A situación do galego no ensino”, 4 cursos de 2º de ESO do IES Luís Seoane.
  • 5 de maio: 12.50-13.40 h: “Os dereitos lingüísticos”, 3 cursos de 4º de ESO do IES Luís Seoane.
  • 7 de maio: 9.50-10.40 h: “Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa”, 2 cursos de 1º de bacharelato do IES Luís Seoane.

Dentro desta programación tamén se inclúen “Desmontando prexuízos sobre a lingua galega” para alumnado de 3º e 4º da ESO do IES A Xunqueira I e “A historia de lingua desde os comezos da democracia” para alumnado de 2º de bacharelato do IES Luís Seoane.