As campesiñas da batalla de Ponte Sampaio e as traballadoras de Pontesa protagonizan o oitavo mural do proxecto ‘O teu cole na historia’

24
  • A Illa de Medal, os petróglifos de Chan das Cruces e o acueduto do Paredón tamén teñen o seu espazo na intervención artística realizada pola Concellería de Educación no CEIP Ponte Sampaio
  • Os murais de Polo Correo do Vento xa presiden tamén os muros dos CEIP de Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo e a EEI de Verducido

As campesiñas da batalla de Ponte Sampaio e as traballadoras da antiga fábrica de Pontesa son as protagonistas do oitavo mural realizado por Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, no marco do programa didáctico ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, promovido pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos e alumnas dos colexios de Pontevedra coñezan a historia e contorna dos seus centros e se identifiquen con eles. A intervención artística efectuada no CEIP Ponte Sampaio tamén reflicte a enorme beleza do escenario natural e histórico que rodea ao colexio, con elementos como a Illa de Medal (ou da Insuíña), os petróglifos de Chan das Cruces e o acueduto do Paredón, así como un paxariño moi representativo da fauna da parroquia: un picafollas europeo.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, amosa a súa “enorme satisfacción cun proxecto que superou o seu ecuador e que está a ser recibido con entusiasmo polas comunidades educativas que participan nel”. Ata a data, ademais de no CEIP Ponte Sampaio, Polo Correo do Vento xa ilustrou con obras pictóricas os muros dos CEIP de Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo e a EEI de Verducido. 

A Concellería de Educación tamén ten previstas intervencións nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela; o CEP Marcos da Portela, e a EEI Fina Casalderrey.