As pasarelas de madeira da senda fluvial do Lérez xa locen como novas tras un proxecto de restauración no que se investiron 24.437 euros

63
  • A actuación impulsada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, foi executada pola firma Redenor e incluíu obras de poda en altura, desbroce e retirada de arborado seco
  • Os traballos permitiron a renovación integral das pasarelas elevadas situadas no primeiro treito do sendeiro, que discorre entre a avenida de Bos Aires e a estación de bombeo de Monte Porreiro 

A senda fluvial do río Lérez vén de ‘estrear’ pasarelas de madeira despois de que a empresa Repoboacións e Desbroces do Noroeste (Redenor) rematase uns traballos de restauración integral nos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investise 24.437,16 euros. Os traballos, que incluíron a retirada de arborado seco, permitiron deixar como novas as pasarelas elevadas situadas na rúa Holanda e no primeiro treito do sendeiro, que discorre entre a avenida de Bos Aires e a estación de captación e bombeo de Monte Porreiro.

As actuacións contemplaron a subministración de listóns raiados, o arranxo e substitución de elementos danados, deteriorados ou en mal estado; a reposición de sistemas de ancoraxe; unha limpeza con auga a presión; o cepillado e lixado da madeira, e un tratamento de autoclave e lasurado, coa finalidade de incrementar a súa durabilidade e reducir os futuros gastos de mantemento. Asemade, Redenor efectuou traballos de poda en altura e desbroce no acceso á pasarela elevada da avenida de Bos Aires, retirando tódalas pólas secas e residuos e procedendo á súa correspondente xestión.

Iván Puentes avanzou que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural xa está a traballar no deseño dun proxecto que permita mellorar e rehabilitar “diversos treitos da senda fluvial do Lérez que discorren entre a estación de bombeo e a parroquia de Bora e que nestes momentos están bastante afectados por mor da erosión, as escorrentías e choivas pasadas e as fochancas no seu pavimento”. “A senda do Lérez é un dos espazos naturais máis empregados polos pontevedreses -subliñou o edil socialista- e queremos que este privilexiado contorno, que temos a uns pasos do centro da cidade, estea nas mellores condicións posibles para o seu emprego intensivo durante a primavera e o verán”.