O Ganapán regresa esta fin de semana con talleres de elaboración de arepas e tostas mariñeiras, percusión e deseño de marcos de flores

20
  • Os obradoiros de lecer infantil promovidos pola Concellería de Promoción Económica para nenos de entre 4 e 10 anos volven ao Mercado de Abastos con sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas
  • Será necesario inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com, especificando o día e hora ao que queren apuntarse e se é para o Espazo Gastro ou o Espazo Crea

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo nas instalacións do Mercado de Abastos, desenvolverá esta fin de semana unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos. As actividades, que van destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, terán lugar o sábado 10 de abril e o domingo 11 de abril, e como vén sendo habitual, en ámbalas xornadas haberá dúas sesións con horarios de inicio ás 11:00 e ás 12:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, indicou que “o sábado celebrarase un taller que achegará aos máis pequenos á gastronomía de países como Venezuela ou Colombia e na que se elaborarán arepas, convidándoos a viaxar e amasar”. Asemade, os rapaces terán oportunidade de inmortalizar as cores e formas da natureza con flores e follas, creando fermosos marcos de flores.

No que se refire á xornada do domingo, a edil socialista explicou que o Espazo Gastro ofertará a posibilidade de cociñar unha saborosa receita de tostas mariñeiras, “sen espiñas e, por suposto, empregando os mellores produtos das vendedoras da Praza de Abastos”. Tamén haberá un obradoiro de percusión baixo o título de ‘Retumba’, no que se convidará á rapazada a inventar ritmos de percusión para animar o último trimestre deste curso.

WhatsApp Image 2021 04 07 at 18.45.09 1
WhatsApp Image 2021 04 07 at 18.45.09 1

Todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com e terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao comezo das actividades. Os talleres desenvolveranse en grupos reducidos, con lista de agarda e, no caso de que alguén se dea de baixa, chamarase ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro.