A elite autonómica do mergullo libre darase cita este domingo 11 de abril en Pontevedra no XVIII Campionato Galego de Apnea Indoor

65
  • O evento, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas) en colaboración co Club Sotavento e a Concellería de Deportes, celebrarase nas instalacións do CGTD
  • Durante unhas cinco horas, 15 apneístas procedentes de diversos puntos da nosa xeografía participarán nas modalidades de apnea estática e dinámicas sen aletas, con aletas e con bialetas

Aínda que a situación sanitaria que estamos a vivir motivou que moitos deportistas non puidesen adestrar en condicións e que se vexan obrigados a faltar a esta cita, o XVIII Campionato Galego de Apnea Indoor reunirá este domingo 11 de abril na nosa cidade á elite autonómica do mergullo libre (sen equipos de respiración). O evento, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas) e o Club Subacuático Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello de Pontevedra e a Xunta, desenvolverase nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e contará coa participación de 15 apneístas procedentes de diversos puntos da xeografía galega.

Segundo indicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, “as probas darán comezo ás nove da mañá e, durante unhas cinco horas, os deportistas competirán en diferentes modalidades de apnea indoor: estática, dinámica sen aletas e dinámica con aletas e con bialetas”. “Teremos na piscina do CGTD a apneístas de Vigo, A Coruña, Ribeira e outras rexións de Galicia. Hai que salientar tamén que este ano, por primeira vez, estarán presenten no Campionato competidores menores de 16 anos, así como varias representantes femininas”, subliñou o edil do PSOE.

Tal e como avanzou Fernández, este evento de carácter autonómico “será a antesala do Campionato de España de Apnea que se celebrará tan só 14 días despois no mesmo escenario, obviamente sempre e cando a situación epidemiolóxica continúe a mellorar”.