O lavadoiro de San Mauro recupera a súa fisonomía tradicional

23
  • O proxecto de rehabilitación do lavadoiro tamén contempla a reurbanización e mellora do espazo público que o rodea, incluídos os servizos, o alumeado e o vial público
  • A anterior estrutura de formigón que cubría o lavadoiro foi substituída por outra realizada en pedra, madeira e tella do país

A Concellaría de Urbanismo, que xestinona Xaquín Moreda, está rematando os últimos traballos de mellora e reurbanización do espazo público que rodea o lavadoiro de San Mauro. Estes traballos forman parte do convenio que o Concello subscribiu no seu momento cun particular e que permitiron, entre outras melloras, a rehabilitación do lavadoiro de San Mauro que recuperou totalmente a súa fisonomía tradicional. 

No relativo ás obras de rehabilitación do lavadoiro, recuperouse toda a estrutura da cuberta con materiais tradicionais e acometeuse a reparación dos elementos de canteiría danados, así como a colocación de novos remates. Para isto foi necesario demoler a anterior cuberta de formigón e os piares que a sostiñan, tamén de formigón, para substituílos por piares de pedra de sección cadrada e unha estrurura de madeira que á súa vez sostén unha cuberta formada por viguetas de madeira laminada e cubrición de tella do país.

O proxecto tamén incluíu un tratamento da contorna inmediata do propio lavadoiro respectuoso cos desniveis do terreo, combinando espazo verde cunha escaleira de pedra que comunica co adro da capela e un acceso tamén de pedra cara a beirarrúa. Tamén se renovou o muro de contención en pedra e se integrou a rehabilitación harmonicamente coa contorna da capela de San Mauro.

En cando á reordenación e acondicionamento do espazo público, procedeuse á  renovación das beirarrúas e da ilumunación pública e á colocación de bolardos para evitar o estacionamento de vehículos. Tamén se acometeu a renovación das redes de abastecemento e saneamento de auga e a canalización soterrada dos servizos de   subministro de electricidade, telecomunicacións e gas cidade. Estes traballos de acondicionamento están actualmente na súa fase final, coa instalación dunha caseta para o cadro de bombeo e a reposición do firme da calzada. 

Os traballos de rehabilitación do lavadoiro de San Mauro así como a reordenación e acondicionamento do espazo público que o rodea realizánronse ao abeiro dun convenio cun particular. Segundo estes convenio o Concello autorizou o reaxuste de alineacións en tres parcelas para a construción de tres vivendas unifamiliares, mentres que os beneficiarios achegaron 105.814,49 para acometer os traballos de rehabilitación do lavadoiro e cederon os terreos colindantes que permitiron gañar espazo público e mellorar a contorna da capela de San Mauro.