Pontevedra homenaxea a Xela Arias cun certame musical

60
  • A Concellaría de Normalización Lingüística convida a bandas pontevedresas a musicar poemas de Xela Arias para participar no concurso, que repartirá preto de 2.000 euros en premios
  • Poderán participar bandas e músicos e músicas de calquera estilo musical e os temas deberán enviarse antes do 7 de maio

A Concellaría de Normalización Lingüística, que dirixe Alberto Oubiña, homenaxeará á poeta á que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2021, Xela Arias, cun certame musical. O obxectivo enmárcase na filosofía de difundir a obra da poeta homenaxeada en convivencia con outra disciplina artística como é a música. Deste xeito, ademais de promover a obra poética de Xela Arias tamén se incentiva a creación musical en lingua galega na escena musical pontevedresa.

No concurso, denominado ‘X Xela’, poderán participar tanto músicos e músicas como bandas de calquera xénero ou estilo musical de Pontevedra ou que acrediten ter un compoñente de Pontevedra. As bandas participantes deben musicar, con composicións orixinais, un poema de Xela Arias, admitíndose como única lingua de interpretación oa lingua galega.

Para inscribirse, os grupos participantes deberán remitir o tema composto en formato audio (MP3, MP4) xunto cos datos da banda, nome e compoñentes, os datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento que certifique a residencia, de polo menos un dos compoñentes, en Pontevedra ao correo alingualatexa@gmail.com. O prazo de presentación remata o día 7 de maio de 2021.

De entre todos os temas recibidos, un xurado composto por profesionais do sector cultural seleccionará os grupos finalistas e finalmente establecerá tres gañadores cos seguintes premios: 1.000 euros para o 1º premio; 500 euros para o 2º premio; e 250 euros para o 3º premio. 

O Concello organizará un acto público multidisciplinar o Día das Letras Galegas, que estará presentado polas regueifeiras Alba María e Lupe Balanco, e  no que entregará os premios e as bandas gañadoras interpretarán as súas composicións.