Ampliado o prazo de remate da obra de Loureiro Crespo

100
  • Por mor das condicións meteorolóxicas dos últimos meses, acórdase unha prórroga de 3 meses para o remate desta actuación
  • As obras supoñen a mellora urbana de toda a contorna de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal e contan cun orzamento de preto de 3 millóns de euros, situándose como unha das actuacións máis ambiciosas na cidade  

A Xunta de Goberno local vén de aprobar unha prórroga de tres meses para o remate da mellora urbana na rúa Loureiro Crespo e no barrio do Castañal, de xeito que a finalización desta obra queda fixada para o 8 de xullo. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, esta data queda fixada tras un informe técnico favorable no que se argumenta que os traballos non puideron desenvolverse ao ritmo previsto fundamentalmete por mor das condicións meteorolóxicas adversas. 

Anabel Gulías lembrou que esta actuación se sitúa como “unha das máis ambiciosoas que está a cometer o Goberno muncipal’, cun orzamento que ascende, incluíndo as melloras, a preto de 3 millóns de euros. “Estamos convencidas de que é un investimento que vai mellorar a calidade de vida deste barrio e ademais era unha obra moi demandada pola veciñanza” asegurou a concelleira, e indicou que nos primeiros tramos da obra xa se pode apreciar como se aplican “todos os estándares de calidade urbana do Concello de Pontevedra,e como estamos gañando máis espazo para as persoas e máis espazos onde nos poidamos atopar”. 

As obras de mellora urbana na rúa Loureiro Crespo e barrio do Castañal comezaron durante o estado de alarma do pasado ano, concretamente o 27 de abril de 2020, e ademais da climatoloxía adversa tamén se atoparon outros factores que ralentizaron o seu ritmo, como foi a aparición de tubaxes que non estaban recollidos nos planos iniciais da obra. Foi o caso de tubaxes antigos de condución de auga e de canalizacións de fibra óptica, que no caso destes últimos non se puideron mover polo que as obras neses tramos avanzaron máis lentas do previsto.

Convén lembrar que a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal estenderá os estándares de calidade urbana propios do Modelo Pontevedra a unha das entradas da cidade, e que comprende as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas, ademais da propia Loureiro Crespo. Ademais de renovar a pavimentación e o largo das beirarrúas en varios puntos, inclúe a renovación de todos os servizos, e a instalación de nova iluminación e novo mobiliario urbano, así como a plantación de novas árbores en algúns dos treitos.