- A Dirección Xeral de Calidade Ambiental non considera necesario someter a procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta modificación puntual, posto que non se prevén efectos ambientais significativos
- César Mosquera asegura que tras este informe “temos o horizonte despexado” de cara a acometer o proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo
O Concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou esta mañá que a modificación puntal do PEPRICA que se necesita para utilizar o subsolo comprendido baixo os edificios fundacionais do Museo (a carón da praza da Leña) ten luz verde por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental. Mosquera asegurou que este informe supón “un horizonte despexado de cara a elaborar o proxecto e contratar a rehabilitación deses edificios”.
O concelleiro informou de que o informe do organismo autonómico, e do que se deu conta na Comisión de Urbanismo desta mañá, conclúe textualmente “propoño non someter o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual do Peprica do artigo 86 nos ámbitos do Museo no Concello de Pontevedra posto que non se prevén efectos ambientais significativos”. Explicou que deste xeito se evita “unha tramitación ambiental estratéxica ordinaria, que sería longa e profusa e levaría ao arredor de 2 anos”. Tamén indicou que a partir deste momento, a a tramitación continuará incluíndo unha aclaración menor que solicita a Dirección Xeral para aprobar a modificación inicialmente, pasar a exposición pública, informes sectorias e aprobación definitiva para a entrada en vigor.
César Mosquera asegurou que a modificación puntual que se vai introducir no PEPRICA “é máis ou menos igual á que se fixo cando se construíu o CITA polo que xa ten antecedentes e ademais con bo resultado”. Neste caso e en relación co ámbito do Museo, trátase de introducir no PEPRICA unha cuestión que xa aparece regulada na Lei do Solo como é o uso do subsolo dos espazos do dominio público coa finalidade de prever a implantación de infraestruturas, equipamentos e aparcadoiros de titularidade pública. Ademais tamén se aproveita a modificación para cambiar o artigo 86 para adaptalo á Lei de Patrimonio de Galicia.
Deste xeito, e segundo recolle o informe de avaliación ambiental poderase actuar no espazo que afecta ao pazo de García Flórez, ao pazo de Castro Monteagudo e ao edificio Fernández López acoutados pola Praza da Leña e rúas Pasantería – Padre Sarmiento- Juan Novás Guillán – Laranxo – Pai Luis Mª Fernández, co obxecto de crear un equipamento de musealización que responda ás novas necesidades do Museo Provincial de Pontevedra, para o cal é necesario adaptar o conxunto de edificios que configuran o museo á normativa actual en materia de accesibilidade, seguridade estrutural, seguridade fronte a incendios e condicións ambientais. O informe recolle ademais que se realizaron as pertinentes consultas previas á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, ao Instituto de Estudos do Territorio e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
En canto ao proxecto de rehabilitación dos edificos do Museo, César Mosquera informou que a partir deste momento “xa se sabe que esta solución técnica se pode facer, xa se sabe que funciona e o que hai que mirar é a dispoñibilidade orzamentaria”. Neste sentio, lembrou que os edificios García Flórez e Castro Monteagudo están nun estado ruinoso e que precisan de solucións de seguridade, climatización e accesibilidade difíciles de acometer coa superficie útil que ten cada un, posto que inutilizaría unha parte importante do espazo dispoñible para pinacoteca.