O Concello colocará o diploma acreditativo dos Premios FAD no campo de fútbol de Campañó

148
  • Os arquitectos José Jorge Santos e José Carlos Mera fixéronlle entrega ao alcalde dunha copia do diploma que situou o proxecto do campo de fútbol de Campañó como finalista dos premios máis antigos de Europa en Arquitectura e Interiorismo

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron esta mañá aos arquitectos José Jorge Santos e José Carlos Mera, que fixeron entrega ao Concello dunha copia do diploma acreditativo que situou os campo de fútbol de Campañó como finalista dos Premios FAD, e que será colocado nas propias instalacións do campo de fútbol.

Un dos autores do proxecto, José Jorge Santos explicou durante a visita á Alcaldía que os Premios FAD “son os máis antigos e os máis prestixiosos de Europa en Arquitectura e Interiorismo” e, neste sentido, situou “a arquitectura contemporánea e aarquitectura moderna como complementaria ao exitoso modelo Pontevedra”. Asegurou ademais que o campo de fútbol de Campañó tivo unha grande repercusión sendo difundido en publicacións especializadas internacionais e incluído entre as mellores obras de Arquitectura do ano 2020 no Estado español.

Pola súa banda, o alcalde trasladoulle os parabéns por situar o proxecto entre os finalistas dos FAD e asegurou que “isto ao final vén confirmar que o Concello de Pontevedra está traballando cunha alta calidade arquitectónica en todos os proxectos que se están facendo, independente de que se sexan no rural, nos barrios ou no centro da cidade, e para nós é un orgullo porque o campo vano desfrutar todos pontevedreses, non só os de Campañó”.

Convén lembrar que o campo de fútbol de Campañó, deseñado polo estudo pontevedrés Santos e Mera, é unha moderna instalación deportiva cun campo de herba sintética e edificios de servizos que se integran nun terreo irregular. Concorreu aos premios FAD xunto cun total de 484 obras, das cales 171 correspondían á categoría de Arquitectura, quedando finalmente entre os 10 finalistas.