O Concello exixe á Xunta que garanta a saúde da poboación ante as contaminacións por mercurio detectadas en Ence-Elnosa

68
  • O alcalde asegura estar “moi preocupado” ante as medicións feitas públicas desde a factoría de Ence e reclámalle á Administración autonómica que “tome as medidas pertinentes” para evitar que o mercurio pase á ría e á cadea trófica

O Concello de Pontevedra remitiralle un escrito á Xunta de Galicia, concretamente á Consellaría de Medio Ambiente, para esixirlle que tome as medidas pertinentes sobre a contaminación por mercurio en aguas subterráneas que denuncia Ence nun informe que lle fixo chegar á Adminsitración autonómica. Tras facerse público este informe, o alcalde de Pontevedra asegurou estar “moi preocupado porque estamos a falar de saúde e de contaminación grave e imos exixir que se tomen as medidas pertinentes, porque quen ten competencias sobre o seguimento da descontaminación e sobre o desmantelamento de Elnosa é directamente a Consellaría de Medio Ambiente”.

No informe que Ence remite á Xunta notifica que os datos de contaminación de medicións de mercurio en augas subterráneas no espazo ocupado pola factoría sobrepasan a normativa legal europea e que estas medicións se están realizando no marco do proceso de desmantelamento e descontaminación de Elnosa. Atendendo a estes datos, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “a Administración competente debe tomar as medidas que garantan a saúde dos traballadores da fábrica, a dos mariscadores e a de toda a poboación”, ao tempo que engadiu que “o que realmente nos ten moi preocupados e se esa medición que se fixo en Ence se fixo tamén nas bolsas de decantanción, se está facendo na ría, e se iso está producindo unha filtración á cadea trófica”.

Neste sentido, o alcalde asegurou que “con motivo dos traballos de descontaminación en Elnosa puxeron os medidores e detectouse a contaminación, pero iso non é de agora, eu estou convencido que estas filtracións non son do proceso de desmantelamento senón de hai tempo”. Lembrou que desde o Concello “sempre dixemos que o complexo Ence-Elnosa era unha bomba de reloxería ubicada na ría de Pontevedra e que obviamente é necesario trasladar o complexo e recuperar a ría para os usos que ten que recuperarse”. Así, fixo referencia a que os responsables de Medio Ambiente e Facenda da Xunta na década de 1990 xa paralizaran a actividade asegurando que era “unha bomba de reloxería” e que despois se recuperou “sen que cambiara practicamente nada a situación”. Tamén menciounou os informes da mesma década de 1990 que constataban a contaminación por mercurio procedente da frábrica. 

“A Xunta actual é partidaria de marter sine die unha ubicación que debe ser trasladada” asegurou Lores, e insistiu en que “en Pontevedra temos o mesmo dereito que Bilbao ou Barcelona de deslocalizar estas empresas e ter unha alta caldiade de vida, e xa está ben de poñer escusas e non tomar as medidas que lle corresponden segundo as súas competencias”. A este respecto, indicou que “ese mercurio que está en augas subterráneas indiscutiblemente acabará na ría porque vai decantándose cara a zona máis baixa e a miña preocupación, e a preocupación de moitísima xente, é que medidas se están tomando por parte da Administración competente para evitar que ese mercurio depositado ao longo de moitos anos, que son kilos e kilos de mercurio, non pase á ría de Pontevedra e non teñamos un problema grave”.