O Ganapán regresa esta fin de semana con talleres de elaboración de croissants salgados e pan de plátano, alimentación saudable e manualidades

11
  • O programa de lecer infantil promovido pola Concellería de Promoción Económica para nenos de entre 4 e 10 anos regresa ao Mercado de Abastos con sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas
  • Será necesario inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com, especificando o día e hora ao que queren apuntarse e se é para o Espazo Gastro ou o Espazo Crea

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo nas instalacións do Mercado de Abastos, desenvolverá esta fin de semana unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos. As actividades, que van destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, terán lugar o sábado 17 de abril e o domingo 18 de abril, e como vén sendo habitual, en ámbalas xornadas haberá dúas sesións con horarios de inicio ás 11:00 e ás 12:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explicou que “o sábado celebrarase un obradoiro que achegará os sabores de Francia ao padal dos máis pequenos e no que se elaborarán uns deliciosos croissants de xamón e queixo”. Ademais, os rapaces terán oportunidade de aprender sobre alimentación saudable, ecolóxica e saborosa, da man duns monicreques ben divertidos.

Segundo avanzou a socialista, na xornada do domingo o Espazo Gastro ofertará a posibilidade de elaborar pan de plátano para os almorzos e as merendas de toda a semana, baseándose nunha saborosa, enerxética e saudable receita latinoamericana. Asemade, celebrarase un taller de elaboración dunha cuadrilla de catro patas tan divertida como salvaxe, formada polos bichos que saen do seu agocho durante a primavera.

Todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com e terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao comezo das actividades. Os talleres desenvolveranse en grupos reducidos, con lista de agarda e, coma nas anteriores ocasións, no caso de que alguén se dea de baixa, chamarase ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro.