- O tenente de alcalde, Tino Fernández, supervisou a boa marcha dos traballos en compañía de representantes dos clubs de taekwondo e esgrima que usarán as instalacións
- O proxecto enmárcase dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020)
Tras varios meses de traballos de rehabilitación e reforma executados pola empresa Construcciones Ramírez, a Concellería de Deportes prevé que o ‘novo’ pavillón da Once no barrio de Campolongo reabra as súas portas no prazo dun mes, cara mediados de maio. Así o avanzou o tenente de alcalde, Tino Fernández, durante unha visita ao antigo ximnasio para supervisar a boa marcha das actuacións, na que estivo acompañado, ademais de polo xefe da Oficina Técnica de Arquitectura (OTA), Ángel Velando, e de diversos responsables da firma adxudicataria, por representantes dos clubs que farán un uso prioritario das instalacións: Miguel Cortegoso, do Taekwondo Mace Sport, e Adrián Cubela, da Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra.
O proxecto de rehabilitación permitiu a eliminación dos problemas de humidade e condensación que presentaba o edificio do vello pavillón da Once, converténdoo nun espazo eficiente a nivel enerxético e óptimo para os adestramentos. Tal e como lembrou Tino Fernández, a actuación supuxo un investimento de 448.636,94 euros, cofinanciado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Administración Local a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’. “A este orzamento hai que engadirlles, como actuación complementaria non recollida no proxecto inicial, outros 15.000 euros destinados a dotar ao ximnasio dunha tarima de madeira con alta capacidade de absorción de impactos para os tatamis de taekwondo e as pistas de esgrima”, explicou o edil.
O tenente de alcalde constatou que “a falta de pequenos detalles, dun material que ten que chegar de Israel e da dotación do novo pavimento, as obras están case rematadas e agardamos que o renovado ximnasio poida comezar a empregarse cara mediados de maio e, en todo caso, antes do verán”.
Adrián Cubela asegurou que a sala do pavillón “está quedando estupenda e parece outra distinta” e calificou como unha nova “fantástica” que as instalacións se poidan abrir no prazo dun mes, xa que “aínda que a tempada estea a piques de rematar, podemos comezar a planificar a tempada que vén e rematar as actividades deste ano”. Pola súa banda, Miguel Cortegoso salientou o novo sistema de calefacción e auga quente como “unha necesidade urxente” e amosouse satisfeito coa posibilidade de que a vindeira tempada se poida poñer en marcha “con tranquilidade e cuns horarios xa pechados”.
A reforma do ximnasio (composto por dous volumes: o de maior tamaño, de dous andares, destinado á realización de actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se sitúan os vestiarios e o despacho) constou de varias intervencións relacionadas coa mellora das condicións térmicas da envolvente no volume dedicado a pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria (ACS); a instalación dun sistema de ventilación; a adecuación das condicións de accesibilidade; a adaptación á normativa de incendios, e o mantemento e reparación da estrutura de formigón.
As obras inclúen labores de mantemento e pintado, a substitución do teito da pista deportiva por un falso teito continuo de taboleiros ignífugos, o revestimento do teito da entrada suroeste con táboas de madeira, a instalación dun xerador de auga quente mediante enerxía solar, e a dotación dunha unidade de tratamento de aire (UTA) para a climatización, ventilación e control da humidade do aire na pista polideportiva. O resto das estancias levarán un sistema de calefacción por radiadores alimentados por unha caldeira centralizada de gas natural de condensación. A distribución de calefacción a radiadores realizarase mediante un circuíto diferenciado que dará servizo ás plantas baixa e superior.