O parque infantil da Praza 8 de Marzo reabre as súas portas cun pavimento máis amortecedor e a restauración de tódolos xogos, valado e mobiliario

25
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible supuxo un investimento de máis de 20.000 euros e incluíu o recrecido do pavimento de seguridade de caucho
  • A empresa Baygar reubicou tres xogos de resorte que solapaban espazos de caída, cubriu arestas e parafusos que podían resultar perigosas e dotou o valo dun listón antiatrapamentos

Despois de permanecer pechado durante un mes para someterse a unha renovación integral, o parque infantil da Praza 8 de Marzo volveu abrir hoxe as súas portas para ledicia dos máis pequenos e das súas familias. Un investimento de 20.023,56 euros realizado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural permitiu optimizar as condicións de seguridade desta área de lecer e deixar practicamente como novos todos os seus xogos, dotándoa dun pavimento máis amortecedor, reconfigurando a distribución dalgúns elementos e restaurando o seu peche perimetral e mobiliario.

O proxecto de remodelación executado pola firma Baygar supuxo a restauración da estrutura grande de xogos de Kompan (coa substitución de madeiras degradadas, parafusos, esmalte e verniz e a reparación das redes); a reparación e mantemento dos bambáns, coa reposición de parafusos e tapóns, a substitución do recheo dos elos que poidan provocar atrapamentos e o axuste de folguras; a restauración da estrutura pequena de xogos de Kompan; unha limpeza profunda con hidrolimpadora e a instalación de novos paneis informativos, así como o tratamento e pintado de diversos elementos.

A actuación tamén incluíu a reparación do valado, substituíndo as pezas en mal estado e dotándoo de un listón para evitar atrapamentos de cabeza ou pescozo; a cobertura de arestas e de parafusos nas bases dos farois mediante chafláns de caucho; a substitución de papeleiras; a recolocación de bancos, recortando ou substituíndo os seus parafusos ou formando novas ancoraxes; o recrecido do pavimento de seguridade de caucho (ao resultar o que había antes insuficiente para amortecer a caída dende altura), e a reubicación de tres xogos de resorte que solapaban espazos de caída de seguridade.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o parque infantil acompañado polo representante da firma Baygar, Pablo Loureiro, e mailo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para comprobar “o impecable traballo de restauración efectuado, que deixou os seus xogos e mobiliario mellor que cando foron estreados e, sobre todo, que vai minimizar o risco de que se produzan accidentes”. “Ao igual que en tódalas demais obras que estamos a acometer en áreas de lecer infantil da cidade, estas actuacións seguiron os parámetros que nos marcou a empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos 63 parques de Pontevedra, verificar que respectan as directrices comunitarias e autonómicas, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC”, sinalou o socialista.