O núcleo de centralidade dos Campos estará rematado a inicios de verán

19
  • A rehabilitación do edificio que acolle o centro social está practicamente rematada e avanzan sobre o ritmo previsto as novas oficinas do GDR e o acceso desde a beira do río

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, por técnicos municipais e das empresas adxudicatarias, polo arquitecto Mauro Lomba e por unha representación da Asociación de Veciños, visitou os traballos do núcleo de centralidade dos Campos, onde o edificio que acolle o centro social está practicamente rematado. 

Durante a visita, Fernández Lores asegurou que se espera ter toda a actuación rematada a comezos de verán, entre finais de xuño e comezos de xullo, e lembrou que ademais do centro social tamén se inclúe a rehabilitación do edificio que será sede do GDR, a urbanización de toda a contorna e o vial que conectará o núcleo de centralidade coa cidade, desde a beira da río, e que suma un orzamento total que supera os 2,4 millóns de euros.

Sobre o centro social, que corresponde á rehabilitación dunha antiga escola e dunha casa de mestres anexa, salientou que a actuación está realizada “cunha calidade excepcional, aproveitando os espazos existentes e utilizando materiais actuais e modernos, con climatización, con solo radiante, e con control de temperatura e de ventilación atendendo ás necesidades que teñen os espazos públicos pechados por mor da Covid”. Este edificio inclúe un espazo de oficina para a Asociaicón e varias salas polivalentes que se poden intercomunicar destinadas a actividades e a espazos convivencia e estancia da veciñanza. 

Pola súa banda o presidente da Asociación de Veciños, Raimundo Argibay asegurou que a actuación para crear o núclo de centralidade “cambia por completo a vida da xente” e  que vén dar continuidade ás actividades que xa realizaban neste espazo os veciños e veciñas da zona, de xeito que “é un soño feito realidade”. Aproveitou para agradecer ao Concello a actuación e o investimento realizado e indicou que as novas infraestruturas levarán “un cambio socioculutal e deportivo para a Asociación e en xeral para os veciños”.

Respecto ao edificio que será a sede do GDR Pontevedra – O Morrazo, Fernández Lores lembrou que estará destinado á actividade deste GDR que agrupa 12 concellos e que, tal e como se esixe, se ubica no rural. Tamén se corresponde coa rehabilitación doutra antiga escola situada en fronte da destianda a centro social, e contará con espazos destinados a oficinas e un local multiusos para actividades que relacionadas co desenvolvemento rural. Convén lembrar que os traballos neste edificio precisaron dunha prórroga e dun novo proxecto modificado tras detectarse durante o inicio da rehabilitación un problema na estrutura do edificio.

A actuación tamén contempla a reordenación e urbanización do espazo situado entre ambos edificios que quedará integrada como unha zona verde, sen separacións nin valados e atendendo a criterios de accesibilidade, así como o acondicionamento do vial entre a zona de vivendas e o núcleo de centralidade que incluirá unha fileira da calzada destinada a aparcadoiro, a petición da veciñanza.

A reordenación de toda esta área está deseñada co obxectivo de mudar o antigo tratamento de cruzamento nunha área con carácter de praza pública. Esta actuación tamén inclúe o novo vial de acceso desde a beira do río, de 605 metros de longo e con dous carrís de tráfico de 2,5 metros de ancho cada un e unha beirarúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, que integra os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra.