Benestar Social promove a accesibilidade sensorial universal a través do Programa Comunico

249
  • Entre as accións programadas dentro deste plan contémplase a posta en funcionamento dun Servizo de Interpretación e Mediación para a realización de trámites administrativos
  • O proxecto tamén inclúe a instalación de bucles magnéticos en edificios públicos e a dotación de intérpretes de lingua de signos para os plenos e os eventos organizados polo Concello

Na súa meta por acadar unha equidade e accesibilidade universais, a Concellería de Benestar Social vén de poñer en marcha o proxecto Comunico, que ten como obxectivos a promoción da accesibilidade universal das persoas con diversidade sensorial en tódolos eidos da administración, a mellora da súa calidade de vida e a súa plena integración. Entre as accións programadas no marco deste ambicioso programa, contémplanse a posta en funcionamento dun Servizo de Interpretación e Mediación para a realización de trámites administrativos; a dispoñibilidade de intérpretes de lingua de signos para os plenos da Corporación municipal e tódolos eventos e actividades organizadas dende o Concello; a creación dunha app específica do programa; a instalación de bucles magnéticos en edificios públicos, e a creación de páxinas web accesibles.

O plan foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Voz, nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a presidenta da Organización de Persoas Xordas de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde, e a vogal de Xoga, Pilar Iglesias. Rey asegurou que “este programa é o resultado dun traballo conxunto no que participaron, participan e participarán diferentes profesionais, entidades sociais, funcionarios de distintas administracións e as universidades, entre outros”.

“Ten entre os seus obxectivos máis importantes a superación das limitacións invisibles que cada día se lle impoñen ás persoas con diversidade sensorial, así como defender a equidade, a accesibilidade universal, a inclusión e a comunicación sen límites. Xa no pasado ano implementamos programas como Manciñas Vente20-Vente20, orientado á sensibilización cara o emprego da lingua de signos nos centros de ensino e que, a día de hoxe, está recibindo un feed-back moi positivo. Ao igual que a Guía de Atención Sociosanitaria para Persoas con Diversidade Sensorial, que permite dotar aos diferentes profesionais de recursos prácticos de como dirixirse á poboación xorda, xordocega e hipoacúsica de xeito moi práctico”, sinalou o edil do PSOE.

O socialista sinalou que “dentro dos obxectivos do Programa Comunico, existen accións específicas como a creación dunha app e de códigos QR; a activación dunha dirección de email propia (comunico@pontevedra.eu) a través da que se poidan xestionar as demandas do Servizo de Interpretación e Mediación e as solicitudes de información dos usuarios, e a normalización da presenza dos intérpretes de lingua de signos en todo tipo de eventos e actividades de carácter protocolario, comezando xa cos plenos da Corporación Local”. Tamén se manterán contactos coas universidades para establecer convenios e colaboracións neste eido, levaránse a cabo charlas e formacións para o alumnado de educación regrada e fomentarase o acceso ao mercado laboral dentro dos programas dirixidos a persoas vulnerables.

Ademais, Marcos Rey anunciou a implementación dun plan para instalar bucles magnéticos portátiles e fixos, así como placas informativas, en diversos edificios públicos, o fomento do emprego de máscaras comunicativas para a poboación xeral e o deseño de páxinas web de consulta reiterada con parámetros de accesibilidade (Igualdade, Turismo e sede electrónica do Concello, por entre outros). “O Programa Comunico busca asegurar a calidade e a eficiencia das accións, a mellora continua da capacidade de resposta e a coordinación con outros servizos e profesionais de xeito interdisciplinar, previndo situacións de vulnerabilidade, abandono e illamento, para garantir o acceso e o exercicio do seus dereitos de cidadanía en condicións de equidade”, afirmou Marcos Rey.

María Jesús Monterde subliñou que nestes momentos “hai entre 7.000 e 8.000 persoas con diversidade sensorial no concello de Pontevedra, que usan ou non lingua de signos”, polo que este proxecto “é o inicio dun camiño para avanzar no cumprimento da Lei de Lingua de Signos de 2007 e a Lei de Accesibilidade”, e un paso adiante para acadar “a equidade” e a consecución dun dereito. “Agardamos que o Programa Comunico -sinalou a presidenta de Xoga- poida converterse nun referente a nivel nacional, de xeito que se poida implementar noutras administracións públicas”.

Pola súa banda Pilar Iglesias agradeceu ao concelleiro de Benestar Social “a súa escoita activa” das demandas co colectivo de persoas con diversidade sensorial e afirmou que o proxecto Comunico “ofrece unha oportunidade para acceder a dereitos”, xa que, a día de hoxe, “existen aínda palabras e termos un pouco complicados dentro da administración” e, co paso do tempo, segue sen facerse nada para facilitar os farragosos trámites administrativos.