Os ‘Xardíns que Falan’ conciencian sobre a importancia das vacinas para gañarlle a batalla ao coronavirus

62

Despois de protagonizar intervencións coas que se reivindicaba o Orgullo LGTBI, se celebraba a festividade do Samaín ou se lembraba ás vítimas da violencia machista, os ‘Xardíns que Falan’ volven para lanzar unha mensaxe de concienciación sobre a importancia da vacinación para poder acadar canto antes a ansiada inmunidade e frear a súa mortandade. No marco do proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, os xardíns da Praza de España exhiben agora o debuxo dunha xiringa da que nace unha árbore acompañado dun contundente lema: ‘Moita Vida’.

A nova campaña de fomento da vacinación será completada nos vindeiros con máis intervencións e arranxos florais na propia Praza de España e nos xardíns da Praza de Ourense. O rótulo foi visitado esta mañá polo propio Iván Puentes en compañía dos seus compañeiros do Grupo Municipal Socialista, o tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Saúde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco. Tal e como subliñou Puentes, “nun contexto no que aínda agroman correntes negacionistas, temores, dúbidas e informacións pouco contrastadas, queremos mandar unha mensaxe clara en favor da ciencia como único camiño posible para acadar a volta á normalidade e para garantir vida”.