Tino Fernández pon en marcha a distribución de 15.000 flyers sobre a liña de axudas para mercar ordenadores en tódolos centros educativos

87
  • O tenente de alcalde inicia unha campaña para poñer a disposición de cada rapaz folletos informativos que permitan ás súas familias tramitar as subvencións dun xeito máis sinxelo
  • O Concello publicará nos vindeiros días no BOP as bases que rexerán a concesión das axudas, para as que destinou 400.000 euros e que terán unha contía máxima de 400 euros por neno

Coa finalidade de que os rapaces poidan facer chegar ás súas familias dun xeito sintético e claro toda a información que precisan para a súa tramitación, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, acaba de poñer en marcha unha campaña de distribución de folletos explicativos sobre a liña de axudas do Plan Supera 21 para adquirir ordenadores en tódolos centros educativos públicos de Pontevedra. O edil socialista avanzou esta mañá que o Concello está a piques de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexerán o procedemento de concesión destas subvencións e que a Concellería de Educación repartirá  ao longo das vindeiras semanas “unha remesa inicial de 15.000 flyers, o que permitirá entregar un folleto informativo a cada alumna e alumno de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial que curse estudos en centros sostidos con fondos públicos”.

Así o anunciou no marco dunha visita realizada ao CEP Campolongo para desenvolver o reparto inaugural desta campaña cunha distribución de 500 flyers e expoñerlle ao equipo directivo deste colexio os puntos esenciais desta liña de axudas para adquirir equipos informáticos. Tal e como Fernández lles explicou ao director do centro, José Manuel Sánchez Moure, e a un grupo de alumn@s, “os folletos ofrecen toda a información básica para que as familias poidan resolver as súas dúbidas, se cumpren cos requisitos, e solicitar as subvencións dun xeito áxil”. 

“Acabar coa fenda tecnolóxica é hoxe máis esencial que nunca para garantir que tódolos nenos teñan as mesmas oportunidades. O noso obxectivo -subliñou o concelleiro de Educación- é que non haxa ningún rapaz sen computador na aula”.

Segundo se fai constar nos flyers informativos, estas subvencións están destinadas a todo o alumnado empadroado no concello de Pontevedra matriculado no curso 2020-2021 en estudos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nos centros públicos ou concertados. Para converterse en beneficiarias, a renda das familias cun fillo ou filla non deberá superar os 39.900 euros anuais; a das que teñen dous debe ser inferior aos 43.225 euros; a das de tres de menos de 47.215 euros e a das de catro ou máis fillos non superar os 49.875 euros.

Un máximo de 2.000 euros por unidade familiar

O Goberno Local, a través do Plan Supera 21, destinou unha achega económica de 400.000 euros a estas axudas, o que se traducirá nun máximo de 400 euros por cada persoa menor de idade e de 2.000 euros por unidade familiar. Tino Fernández aclarou que “as axudas se poden presentar presencialmente no Concello ou ben a través da súa sede electrónica (https://sede.pontevedra.gal/)” e que “só será posible presentar unha solicitude por unidade de convivencia, aínda que esta pode incluír varios fillos ou fillas”. “Á hora de conceder as subvencións -precisou o concelleiro de Educación- terán prioridade aquelas familias cunha menor renda e con maior puntuación en base ás circunstancias que recolle a convocatoria”.

Nos folletos informativos que se distribuirán polos centros tamén se sinala a documentación básica que será necesario achegar para presentar as solicitudes: DNI do solicitante, libro de familia, declaración da Renda de 2019 dos membros da unidade familiar e certificado de matriculación no centro educativo no curso 2020-2021. Asemade, no caso de dispoñer deles, poderán aportarse certificados de ingresos de pensións, desemprego, Risga ou semellante, así como certificados de discapacidade ou dependencia, documentación relativa a violencia de xénero, sentencia de divorcio na que conste a custodia dos ou das descendentes, resolución xudicial sobre acollemento ou tutela ou acreditación de monoparentalidade expedida pola Xunta de Galicia.

Os equipos informáticos obxecto de subvención (ordenadores portátiles ou de sobremesa) serán os adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro deste ano. Os beneficiarios poderán cobrar por adiantado unha vez que a axuda estea concedida, precisando xustificar a compra coa factura do ordenador ou xustificante de pago antes do 31 de marzo de 2022 (e debendo devolver o importe en caso de non facelo).

Todas aquelas familias interesadas disporán dun prazo dun mes desde a publicación no BOP para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas habilitadas especialmente polo Plan Supera 21. As peticións serán tramitadas en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. As dúbidas que xurdan poderán resolverse chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192).