O Concello recibe a solicitude de ampliación da tempada de actividade dos furanchos

22
  • De acordo coa modificación da Ordenanza municipal que regula a tempada furancheira, a Federación de Furancheiros e a Asociación de Viticultores ‘Val do Lérez’ veñen de solicitar a ampliación ata o 31 de xullo

A Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra e a Asociación de Viticultores do Concello de Pontevedra ‘Val do Lérez’ veñen de rexistrar a solicitude formal para que o Concello amplíe a tempada de actividade dos furanchos nun mes máis, isto é, ata o 31 de xullo. A solicitude, que non pode realizarse a título individual senón que debe proceder do sector, será aprobada en Xunta de Goberno para facer efectiva a ampliación da tempada.

Convén lembrar que esta solicitude está en consonancia coa modificación do artigo 8 da ‘Ordenanza reguladora de furanchos e loureiros no Concello de Pontevedra’, que regula a tempada furancheira co obxecto de permitir que se amplíe en caso de circunstancias excepcionais. Esta modificación fora aprobada na sesión plenaria do 28 de decembro de 2020 e publicada no POPPO do 7 de Xaneiro de 2021.

Deste xeito, esta modificación habilita a posibilidade de ampliar o período ordinario de actividade, establecido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño, ata o 31 de xullo. Mais a ampliación só se poderá solicitar de xeito extraordinario e cando concorran circunstancias excepcionais que impidan o desenvolvemento ordinario da tempada, tal e como acontecera en 2020 por mor da situación da crise xerada pola pandemia e que motivara a declaración do estado de alarma. Fora con motivo desta circunstancia que a Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra lle trasladara ao Concello, a través da Concellaría de Urbanismo, a necesidade de modificar o artigo 8 da Ordenanza. 

Actualmente no Concello de Pontevedra, o número de furanchos autorizados é de 22 e cada furancho poderá permanecer aberto un máximo de 3 meses dentro do período de actividade (3 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo).