A Concellería de Promoción Económica, en colaboración co centro Ara Formación, inicia un curso de Operador de Carretillas

39

A Concellería de Promoción Económica, en colaboración co centro Ara Formación, iniciou hoxe un curso de Operador de Carretillas de carácter presencial. A actividade formativa conta con 24 horas lectivas repartidas ata o sábado, 24 de abril, en horario de 09:30 a 13:00 horas (a parte teórica), e os sábados, de 08:00 a 15:00 horas (a parte práctica).

A formación contempla contidos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de situacións de risco, retención do operador… 

Dentro da parte práctica abordaranse as manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en rampas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (estes contidos axústanse aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

No marco das accións formativas impulsadas pola Concellería de Promoción Económica e impartidas por Ara Formación, tamén se celebrarán uns cursos de Limpeza de Locais Comerciais, de Limpeza Hospitalaria e de Limpeza en Aloxamentos Turísticos.