Lores: “Cada cidade ten que seguir o seu camiño pero a Axenda 2030 hai que cumprila”

41
  • O alcalde de Pontevedra defendeu nun panel de debate organizado pola Deputación de Barcelona a necesidade de apostar pola calidade dos espazos urbanos para mellorar a calidade de vida das persoas e a saúde do planeta
  • Fenández Lores compartiu mesa redonda coa alcaldesa de Santander, co alcalde de Pamplona e coa concelleira de Mobilidade de Vitoria-Gasteiz

Miguel Anxo Fernández Lores defendeu esta mañá, durante a súa intervención no encontro ‘Ciudades y pueblos verdes y saludables’, a necesidade de tomar decisións políticas encamiñadas á mellorar a calidade dos espazos urbanos e, en consecuencia, a calidade de vida das persoas e a saúde do planeta. O alcalde pontevedrés participou, xunto coa alcaldesa de Santander, Gema Igual, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya, e a concelleira de Mobilidade de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, nun planel de debate titulado ‘Planificar el modelo urbano desde lo verde’ no marco dos encontros que está organizando a Deputación de Barcelona para reflexionar sobre o futuro das entidades locais.

Neste contexto e a teor das preocupacións que expresaban os demais integrantes da mesa sobre a priorización de decisións a respecto dos espazos públicos, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “cada cidade ten que seguir o seu camiño pero a Axenda 2030 hai que cumprila”. A este respecto volveu avogar pola “valentía política” á hora de tomar decisións sobre o espazo público lembrando que “son os alcaldes e as alcaldesas as que teñen as competencias nesta materia” e que “a cidadanía entende perfectamente, e mesmo defende, as decisións que se toman para mellorar a calidade de vida nas cidades”. 

O alcalde de Pontevedra comezou o seu relatorio cun somero resumo de todo o traballo realizado polo goberno municipal nas últimas dúas décadas centrándose na redución dos tráficos innecesarios, na redución de velocidade e na mellora significativa da seguranza viaria resaltando o dato de 0 mortos por accidente nos espazos tratados, na mellora da accesibilidade universal, e na recuperación de contornas naturais como os ríos e as xunqueiras e a creación de sendas nestas contornas. “Foi un proceso moi satisfactorio” asegurou Fernández Lores, quen explicou que a consecuencia de todo este proceso “é unha cidade dinámica social e economicamente, cunha redución significativa de emisións e a mellora da calidade do aire e un espazo público seguro que o cidadán percibe como a extensión da súa casa”. 

Tamén indicou que as persoas pasan a maior parte do tempo ao longo do día en contornas urbanas polo que “é necesario falar de medio ambiente urbano” e afrontar retos que vaian máis aló da mera creación de zonas verdes e que están nos obxectivos da Axenda 2030 como son a eficiencia do ciclo da auga e o tratamento dos residuos a través da reciclaxe e a compostaxe. Asegurou, ademais, que a aparición da Covid puxo de manifesto a necesidade “de promover comportamentos e tomar decisións máis respectuosas co medio porque o planeta non é inagotable”.

Este encontro telemático, que foi seguido por máis de 100 persoas, está organizado pola Deputación de Barcelona con motivo do 40 aniversario do Servizo de Medio Ambiente, co obxectivo de dar a coñecer e reflexionar sobre proxectos inspiradores de sustentabilidade, aporte de criterios e experiencia.