O Concello aplaude o “reinicio” da colaboración coa Xunta en materia de saneamento da ría

20

A portavoz do Goberno e a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva asistiron esta mañá ao acto da Xunta na que se presentou a redacción do proxecto para mellorar o bombeo de Cocheras, principal punto de alivio de augas fecais á ría en Pontevedra.

A portavoz do Goberno e a concelleira do Ciclo da Auga, Anabel Gulías e Carme da Silva participaron esta mañá na presentación por parte da Xunta da redacción do proxecto de adecuación da capacidade de transporte da auga residual da estación de bombeo de Cocheras. O acto celebrouse na entrada á Estación depuradora de augas residuais de Pontevedra.

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, lembrou que “hai tempo que sabemos dos graves problemas que ten a EDAR e da falta de capacidade do bombeo de Cocheras” o que provoca que “o punto de alivio de Cocheras se vexa botando augas residuais porque é o punto de alivio do sistema hidráulico”.

Carme da Silva explicou que dende o Concello “valoramos positivamente que se acometa a obra e entendemos que é o reinicio dun proceso de colaboración coa Xunta”. A concelleira destacou que este procedemento “é a forma máis eficaz de resolver os problemas de saneamento que ten a ría de Pontevedra e poñer un sistema integral de saneamento en funcionamento dentro do Concello que sexa eficaz”.