Os máis pequenos aprenderán a facer porquiños de xamón e queixo e arroz con leite nos vindeiros talleres do Ganapán

8
  • Ademais dos obradoiros gastronómicos, no programa de lecer infantil promovido pola Concellería de Promoción Económica, faranse cadros de siluetas e dragóns e rosas por Sant Jordi
  • Será necesario inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com, especificando o día e hora ao que queren apuntarse e se é para o Espazo Gastro ou o Espazo Crea

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo nas instalacións do Mercado de Abastos, desenvolverá novamente esta fin de semana unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos. As actividades, que van destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, terán lugar o sábado 24 de abril e o domingo 25 de abril, e como vén sendo habitual, en ámbalas xornadas haberá dúas sesións con horarios de inicio ás 11:00 e ás 12:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, avanzou que para o sábado está previsto un taller no que os máis pequenos aprenderán a elaborar uns saborosos porquiños de xamón e queixo, inspirados no conto clásico. Ademais, segundo sinala a edil do PSOE, “os rapaces terán a oportunidade coñecer e recrear a lenda de Sant Jordi, deseñando un dragón e elaborando unha rosa ben fermosa para regalarlle a quen mellores contos lles conte”.

Tal e como explica a socialista, na xornada do domingo o Espazo Gastro ofertará a posibilidade de elaborar unha receita tan típica como o delicioso arroz con leite, polo que, ao igual que o sábado, será necesario levar unha friameira para que os nenos e nenas se poidan levar o que cociñen. Asemade, celebrarase un taller de elaboración de fermosos cadros coa silueta dalgúns das personaxes máis populares dos contos co gallo da conmemoración do Día do Libro.

Todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com e terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao comezo das actividades. Os talleres desenvolveranse en grupos reducidos, con lista de agarda e, coma nas anteriores ocasións, no caso de que alguén se dea de baixa, chamarase ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro.