Os tesouros patrimoniais da Ruta Xacobea pontevedresa agroman nas voces dos seus veciños a través do proxecto ‘O Camiño Contado’

102
  • A Concellería de Turismo pon en marcha, en colaboración coa empresa de antropoloxía AB Origine, unha páxina web que revalorizará o Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra
  • Cada ben consignado na plataforma impulsada por Yoya Blanco contará cun código QR, unha ficha descritiva e fotos, así como cunha peza audiovisual narrada por un veciño do lugar

Revalorizar o Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra e recuperar aqueles elementos patrimoniais e contidos culturais desaproveitados ou esquecidos ao longo do trazado da Ruta Xacobea pontevedresa son algúns dos principais obxectivos do proxecto ‘O Camiño Contado’, impulsado pola concelleira de Turismo, Yoya Blanco, en colaboración coa empresa especializada en antropoloxía, produción e xestión cultural AB Origine. A iniciativa materializarase nunha páxina web cunha selección dos tesouros tanxibles e intanxibles máis significativos que nos podemos atopar no itinerario xacobeo, narrados na voz dos seus herdeiros e daqueles visitantes (peregrinos ou viaxeiros) que os experimenten dun xeito claro, conciso e atractivo. Cada ben consignado na plataforma contará cunha ficha descritiva e fotografías, así como cunha peza audiovisual na que un veciño ou veciña do lugar nos dará a coñecelo mentres se amosan imaxes aéreas e terrestres dese elemento.

‘O Camiño Contado’ baséase pois non só na documentación tradicional de bens patrimoniais, Senón tamén, e sobre todo, na metodoloxía da antropoloxía visual e do traballo etnográfico, mediante unha serie de entrevistas desenvolvidas polo equipo de expertos que conforman o antropólogo, economista, escritor e documentalista Rafael Quintía; a antropóloga e técnica de Turismo Cristina Valdés, e o especialista en turismo e xestión Valentín G. Bóveda. O proxecto permitirá incrementar a oferta de turismo cultural de Pontevedra, estendéndoa ás parroquias do concello polas que pasa o Camiño ou que son susceptibles de conectarse a el a través de itinerarios alternativos: unha ruta duns 20 quilómetros cunha duración estimada de 5 horas a pé que atravesa Ponte Sampaio, A Canicouva, Vilaboa (Figueirido e Bértola), Tomeza, Salcedo, Marcón, Pontevedra cidade, Lérez, Alba e Cerponzóns.

A iniciativa foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que a concelleira socialista Yoya Blanco estivo acompañada por Rafael Quintía, Valentín G. Bóveda e mailo presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores. Tal e como subliñou a edil de Turismo, “Pontevedra é a capital máis importante do Camiño Portugués e por esta vila pasan cada ano miles de peregrinos, nun tránsito que remonta cando menos ao século XII, e malia a ese fluxo intenso e constante de visitantes, a oferta patrimonial e cultural existente ao longo do itinerario xacobeo que discorre polo noso concello carece da promoción, divulgación e valorización que merece”.

“Moitos visitantes pasan e abandonan o concello sen coñecer gran parte dos tesouros patrimoniais e contidos históricos e antropolóxicos cos que contamos. Na actualidade, o Camiño Portugués está desaproveito e o patrimonio cultural das parroquias polas que discorre pasa totalmente desapercibido para o camiñante por falta de promoción e divulgación. É por iso que decidimos artellar un plan de posta en valor e sinalización dos elementos máis senlleiros, dándolle voz á cidadanía pontevedresa para amosar o seu patrimonio cara ao exterior dende as súas perspectivas, ideas e vivencias persoais”, sinalou Yoya Blanco.

Incrementar o tempo medio de estancia de peregrinos e turistas

A concelleira do PSOE asegurou que a súa intención é “lograr que un dos itinerarios culturais máis importantes de Europa se converta en catalizador da economía local e favoreza o incremento de visitantes e o tempo medio de estancia dos peregrinos e os turistas que nos visitan”. Deste xeito, segundo sinalou Blanco, a nova plataforma contémplase como un espazo para poder promocionar o Camiño a través dos seus elementos patrimoniais, “pero a imaxe que os turistas, viaxeiros e peregrinos leven de volta para as súas casas será a que os ‘anfitrións’ lle ofrezan e a web é unha ferramenta versátil e idónea para proxectar unha imaxe empoderada da poboación pontevedresa”.

Valentín García Bóveda considera que a clave deste proxecto consiste en “darlle voz aos legatarios do patrimonio, á cidadanía, como depositaria e valedora dos bens do Camiño, aos peregrinos e a todos aqueles que posúen experiencias vivenciais vencelladas á Ruta Xacobea nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais”. “Queremos que a plataforma audiovisual sexa non só unha ferramenta de promoción turística e cultural, senón tamén de potenciación do orgullo e sentimento de pertenza á súa comunidade, así como de transmisión da memoria colectiva e divulgación do patrimonio cultural pontevedrés. Cada elemento patrimonial disporá de código QR para que os visitantes poidan desfrutar dos vídeos no mesmo lugar”, apuntou o experto de AB Origine.

Outra das estratexias de ‘O Camiño Contado’ pasa por enriquecer os itinerarios xacobeos con novas alternativas que teñan en conta outros contidos patrimoniais e históricos alén das estritas peregrinacións. Neste sentido, como apuntou Rafael Quintía, “proponse a conexión do Camiño Portugués con outras vías culturais e de romaxe que existen ao longo do seu trazado polo concello de Pontevedra como por exemplo o camiño tradicional de romaxe ao santuario de San Cibrán de Tomeza, os camiños á ermida de San Brais, as rutas ao mosteiro de San Benito de Lérez ou os itinerarios seguidos por Frei Martín Sarmiento nas súas viaxes por Pontevedra, entre outros”.

De Ponte Sampaio ao Outeiro das Forcadas ou a Poza da Moura

Entre os elementos patrimoniais máis significativos que se poden atopar no treito do Camiño Portugués que discorre por Pontevedra e que a día de hoxe non contan coa promoción ou divulgación suficientes como para convertelos en valores engadidos do itinerario xacobeo, Quintía e Bóveda destacaron a Ponte de Ponte Sampaio; a Brea Vella, a Cama do Santo (sartego curativo), o Outeiro das Forcadas (onde se atopan os restos do que puido ser un lugar onde se impartía xustiza entre os séculos XIV e XVIII), a igrexa parroquial de San Estevo e o castro do Monte do Castro, en A Canicouva; o Pazo de Gandarón e o cruceiro do Palacio, na parroquia de Salcedo; o roteiro que transcorre polas beiras do río Tomeza e a Poza da Moura (en As Brañas), o Mar da Presa e o muíño de Cabanas, así como a Ponte do Couto.

Xa na cidade, o Camiño Portugués agocha tesouros como o Muíño do Coto, a Ponte Bolera e a Francesada, no barrio do Gorgullón; o cruceiro da Virxe do Camiño; o conxunto monumental de Pontevedra, coa igrexa da Virxe Peregrina, o Teucro Heracleo, a Porta do Camiño ou Porta de Trabancas, a Praza da Ferrería, a igrexa conventual de San Francisco, os Xardíns de Casto Sampedro, a Praza de Curros Enríquez, a Capela das Ánimas e a Praza do Teucro; a Ponte do Burgo e a igrexa de Santiaguiño, no barrio do Burgo, e na súa parte final, o itinerario que transita por Alba e Cerponzóns, con elementos como a igrexa de Santa María de Alba.

Valentín García Bóveda indicou que, entre os desvíos e conexións secundarias do Camiño Portugués que se propoñen, “atopamos rutas alternativas situadas a menos dun quilómetro do trazado do vieiro xacobeo, como as que levan á Pena Miranda, ao santuario de San Cibrán, á ermida de San Brais e ao mosteiro de San Benito de Lérez”.

Tino Lores felicitou a AB Origine por este proxecto, “xa que sempre dixemos e continuamos a dicir que Pontevedra é a capital do Camiño Portugués”, e ao Concello, “porque sempre estivo coa Ruta Xacobea portuguesa e non en van lle demos a Medalla de Ouro” polo seu compromiso. “Cando comezamos, aló polo ano 1993 -afirmou o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago- o Camiño Portugués apenas era coñecido e hoxe en día é un verdadeiro espazo patrimonial”.

Rafael Quintía definiu o Camiño de Santiago como “unha sorte de lenzo no que, xeración tras xeración, se foi pintando un gran relato”, un “itinerario cultural que se foi depositando nos seus legatarios, os veciños de Pontevedra e os viaxeiros”. Na súa opinión, “é fundamental recuperar a oralidade a través de veciños, historiadores e colectivos sociais” co obxectivo de lograr que “quen veña a visitarnos non considere Pontevedra un lugar de paso, senón un lugar para quedar para coñecer ese patrimonio material e inmaterial”.

Polo de pronto, Bóveda, Quintía e Lores xa teñen unha primeira ‘alumna’ moi interesada en coñecer eses tesouros descoñecidos do Camiño Portugués e que se comprometeu a percorrer con eles un pequeno traxecto da Ruta Xacobea: a concelleira Yoya Blanco.