O Concello presenta ao sector comercial as primeiras bases das axudas Supera21

29

Amplíanse a todas as Pemes e permitirá subvencionar material de delivery, publicidade de marca, material Covid, vehículos para uso comercial ou renovación e arranxo de electrodomésticos, entre outras cousas.

A Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías confía en poder presentar a bases definitivas das axudas no mes de maio.

A Concellaría de Promoción da Cidade mantivo esta mañá unha reunión coas asociacións económicas da cidade: Zona Monumental, Hoempo e a Plataforma de afectados pola Covid para presentarlles o primeiro borrador das axudas Supera21 ao tecido económico da cidade. Xunto á concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, estiveron as concelleiras de Promoción económica, Yoya Blanco, e a concelleira responsable de ocupación de vía pública, Eva Vilaverde.

Anabel Gulías explicou que existen algúns cambios ao respecto das bases de Supera20 en tres eixos:

Beneficiarios:

  • Queda esencialmente igual, pero modifícase a definición de empresa e acéptase PEME, entendida como unha entidade máis ampla que autónomo.
  • Tamén se dá a posibilidade de que os beneficiarios sexan os establecementos e non as empresas.
  • E finalmente dáse a posibilidade de que opten a estas axudas establecementos que abriran as súas portas despois do decreto do Estado de Alarma.

Sobre os gastos que se poden atribuír a estas axudas, son:

  • Renovación e arranxo de electrodomésticos
  • Material e envases para a venda a domicilio
  • Publicidade para imaxe corporativa, redes sociais…
  • Material Covid
  • Vehículos para desenvolver a actividade comercial

Ao respecto da tramitación, a concelleira adiantou que se ampliará o prazo de presentación de solicitudes a un mes e darase a posibilidade de conceder un 100% de anticipo. Ademais, fixa o mes de maio como presentación definitiva das bases.

Anabel Gulías explicou que o Plan Supera supón unha acción en distintas áreas que se están a implementar nestes meses: Benestar social coas axudas a ordenadores; Axudas ás empresas co Supera21; axudas á cultura co proxecto Cabos Soltos; e a liña de investimentos públicos co propósito de xerar emprego.