Pontevedra converterase esta fin de semana en capital nacional do mergullo libre coa celebración do Campionato de España de Apnea Indoor 2021

251
  • O evento, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, reunirá a 39 apneístas de nove comunidades
  • A competición, presentada esta mañá nun acto no que participaron o presidente da Fegas, Javier Núñez Barreras, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, desenvolverase na piscina do CGTD

Tan só 15 días despois de albergar o Campionato Galego desta disciplina, Pontevedra converterase esta fin de semana en capital nacional do mergullo libre coa celebración do Campionato de España de Apnea Indoor 2021, organizado pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas) e o Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes. O evento reunirá desde mañá venres (preparatorio) e durante toda a xornada do sábado 24 e a mañá do domingo 25 de abril na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) á flor e nata da apnea, coa participación dun total de 39 deportistas chegados de nove comunidades autónomas (un total de 45 persoas incluíndo aos capitáns).

A competición foi presentada hoxe na sala de prensa do CGTD nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández; o presidente da Fegas, Javier Núñez Barreras; o delegado de Apnea da Federación, Héctor Costa; o responsable da organización deste Campionato de España, Diego Calviño, e o director do CGTD, Jesús López. Segundo subliñou Costa, “dada a actual situación sanitaria e teméndose que este ano non se celebrara, a Federación Galega e o Club Sotavento decidiron tomar as rendas e ofrecerse para a organización do evento”. “A pesar da incerteza, puxémonos mans á obra a finais do ano pasado co obxectivo de que se puidese celebrar antes dos campionatos internacionais e, aínda que este virus non nos deu a tregua precisa para que así fora, a participación de deportistas de altísimo nivel neste Campionato de España de Apnea será moito máis alta do esperado inicialmente”, asegurou o delegado de Apnea da Fegas.

O tenente de alcalde felicitou aos organizadores “pola dedicación e esforzo que supuxo traer a Pontevedra nestas condicións dous campionatos que reunirán á elite autonómica e nacional dunha disciplina tan espectacular como o mergullo libre, que se realizar ‘a pulmón’, sen axuda de equipos de submarinismo”. O socialista Tino Fernández considera que “o feito de que a Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas) confiase no Club Sotavento e a Federación Galega para organizar unha proba de primeiro nivel como esta na nosa cidade, precisamente nun contexto tan complicado, sitúa a Pontevedra como capital española da apnea”.

Presenza do presidente da Federación Española no Campionato

Tal e como avanzou Diego Calviño, a xornada inaugural do Campionato, ao que asistirán o presidente da Federación Española, Eduard Centelles, o delegado do departamento de Apnea da Fedas e competidor Olivier Villarín, e a súa responsable de Campionatos Indoor de Apnea, Mara Torealba, “iniciarase, como é costume, coa proba de apnea estática, que consiste basicamente en aguantar o maior tempo posible na piscina coas vías aéreas somerxidas”. A continuación, tamén durante a mañá do sábado, terá lugar a competición de apnea dinámica sen aletas, na que os deportistas deberán desprazarse somerxidos na piscina o maior número de metros posibles sen aletas. Xa pola tarde, levarase a cabo a proba de apnea dinámica con bialetas, na que o percorrido en piscina se efectuará con aletas tradicionais.

Calviño indicou que “para a xornada do domingo quedará a proba raíña do evento, a de apnea dinámica con monoaleta, na que ao igual que no resto das probas de dinámica, o deportista terá que percorrer somerxido o maior número de metros posibles, pero neste caso empregando unha monoaleta”. “A pesar de que o óptimo sería realizar este tipo de competicións en piscinas de 50 metros -sinalou Héctor Costa- este ano non puido ser, pero dada a categoría dalgún dos competidores, agardamos que as marcas obtidas sexan dun nivel elevadísimo. As cronos e as cintas o confirmarán esta fin de semana”.

Diego Calviño destacou que esta “será a primeira edición na que se permitirá que tódolos deportistas participen en tódalas probas, polo que haberá un récord de participación e os máis de 30 apneístas que se darán cita por proba terán a posibilidade de competir tanto en apnea dinámica con bialetas como en dinámica con monoaleta”. O responsable da organización afirmou ter “grandes esperanzas de que poidamos ver marcas estratosféricas nas diferentes disciplinas e mesmo en apnea estática, onde “o récord de España si sitúa en 9 minutos 36 segundos e o de Galicia en algo máis de seis minutos”.

Pola súa banda, o presidente da Fegas agradeceu ao Concello de Pontevedra e ao CGTD “a oportunidade que nos brindaron de poder celebrar este evento nestas magníficas instalacións”. “Pontevedra é unha cidade que vive volcada co deporte -sinalou Javier Núñez- e que ten capacidade para organizar competicións relevantes. Para nós contar cunha piscina durante unha fin de semana completa, en exclusiva, é algo moi difícil de acadar e de gran importancia”.

Neste mesmo sentido, Jesús López subliñou que o CGTD “sempre tentará colaborar con Pontevedra, a cidade de referencia en eventos deportivos” e que xa ten experiencia previa en campionatos de apnea, e agarda que esta fin de semana “se batan moitos récords”.