A veciñanza do rural debe solicitar canto antes a acometida ás redes de abastecemento e saneamento>

131
  • As altas nestes servizos deben solicitarse a través de Viaqua e é aconsellable realizar as conexións antes de que se pavimenten as vías nas que se instalaron as canalizacións xerais
  • No caso do saneamento, a conexión é obrigatoria para aquelas  vivendas que se atopen a menos de 50 metros da rede xeral por gravidade e a menos 30 metros por impulsión

As obras de saneamento e abastecemento no rural entran nunha nova fase, segundo informou esta mañá o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, na que se abre a quenda para que a veciñanza solicite as acometidas a estas redes, antes de que o Concello pase a pavimentar as vías nas que se instalaron as canalizacións xerais. Oubiña fixo fincapé en que agora é o momento axeitado para que os propietarios e propietarias das vivendas das parroquias nas que se acometeron ou se están acometendo estas redes dirixan as súas solicitudes á empresa adxudicataria do servizo, Viaqua, para que lles proporcione o orzamento e realicen a obra de conexión. “Urxímolos a solicitar as acometidas para beneficiarse das mellores condicións que haberá antes de que nós pavimentemos” indicou o concelleiro.

Neste sentido, Oubiña asegurou que “esta fase se basea na responsabilidade individual de cada propietario ou propietaria para sumarse e darse de alta nas acometidas que, no caso do abastecemento, aínda que non é obrigatorio é unha opción que recomendamos altamente e, no caso do saneamento, é unha obriga naquelas vivendas que se atopen a menos de 50 metros dun pozo por gravidade e a menos 30 metros por impulsión”.

Para informar a todas as vivendas susceptibles de darse de alta nestas dúas redes, desde a Concellaría do Rural vaise realizar unha campaña de difusión específica por parroquias e lugares. Deste xeito, en cada domicilio recibirán información impresa, a través de buzoneo, indicando a onde dirixirse para solicitar a acometida, así como a documentación que se precisa. Este buzoneo realizarase por áreas un mes antes da previsión de inicio de pavimentación dos viais nos que se realizaron as obras.

Alberto Oubiña explicou que “neste momento, hai custes derivados dos enganches que vai asumir o concello pero pola contra, se deciden agardar e facer a conexión ao remate das nosas obras, moi posiblemente os custes serán maiores xa que terán que asumir o fresado e pavimentado da vía”. Indicou, ademais, que facer as acometidas dunha volta vai permitir que as vías permanezan en mellor estado durante máis tempo xa que non haberá cortes constantes. A previsión é pavimentar por completo aquelas vías que midan menos de 4 metros de largo, e nas vías de dous carrís pavimentarase o carril no que se instalou a canalización.

Máis de 55 millóns de investimento

Alberto Oubiña lembrou que as obras para ampliar as redes de saneamento e abastecemento ás parroquias son un piar fundamental na aposta do goberno municipal polo rural, e que neste mandato se prevé un investimento para as parroquias de arredor de 100 millóns de euros, dos cales 55 corrresponden ás actuacións relacionadas coa auga.

Así, durante os últimos meses, a empresa adxudicataria Viaqua, foi realizando obras en diferentes puntos, tanto de abastecemento como de saneamento, de xeito parelelo “co obxectivo de tratar de apurar ao máximo os prazos, maximizar beneficios e reducir molestias á veciñanza”.

No relativo á rede de saneamento asegurou que “se partía xa dunha ampla rede en marcha, mais co novo contrato será posible chegar a todos os lugares, incluíndo os máis complexos e aqueles que implican un custe máis alto por vivenda”. 

O concelleiro informou que a media de custe por vivenda sitúase en 19.506,96 €, aos que habería que engadirlle sobre 8.700 € por vivenda correspondentes á rede previa e a bombeos, o que situaría a media final por vivenda en  28.206,96 €.

En lugares máis complexos como por exemplo na Torre (Lourizán), acadánronse picos de 39.240 € por vivenda que, sumándolle a rede previa e os bombeos, sitúa a media final por vivenda en 47.970 €

Actualmente, a rede de saneamente está en execución ou rematada en Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Alba, Bora, Campañó, A Torre (Lourizán), A Peralba (Marcón) e Salcedo, o que supón algo máis de 17 millóns de euros e aproximadamente 990 vivendas que poden conectarse a este servizo.

No relativo á rede de abastecemento, a rede estenderase polas parroquias de Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Lourizán, dotando a estas parroquias da conexión ao abastecemento cos beneficios que iso conleva: dispoñibilidade de auga municipal en perfecto estado para o consumo, capacidade de conexión para a construción de novas vivendas, melloras nos locais comerciais, bares e restaurantes.

Neste caso a media de custe por vivenda sitúase en 8.102€, ao que hai que sumarlle 5.932€ dos investimentos do convenio de Acuaes e 4.800 € de redes primarias, potabilizadoras e bombeos, o que sitúa a media final por vivenda en 18.834 €.

En lugares máis complexos, como por exemplo na denominada Fase II de Mourente, acadáronse picos de 16.911€, que coa suma de investimentos anteriroes e redes primarias, sitúa a media final por vivenda en 27.643 €.

En relación aos custes para a veciñanza, o concelleiro informou que as acometidas de abastecemento que se realizarán de 1 a 5 m/l en PE Ø 32 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado ascenden a 369,49 €.

No caso das acometidas na rede de sumidoiros, que se realizarán de 1 a 5 m/l, en PVC Ø 160 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado teñen un custo de 629,32 €.