Colocada placa da rúa Virxinia Pereira, defensora e custodia do legado de Castelao

37

O alcalde presenciou esta mañá a retirada da placa da antiga Xoán Carlos I e asegurou que se dá cumprimento a un acordo plenario, e permite adicar unha rúa a unha persoa “que si é merecente dese recoñecemento”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleiras de Cultura e Protección Cidadá, Carme Fouces e Eva Vilaverde, e do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, presenciou esta mañá a retirada da placa Xoán Carlos I e a colocación da nova placa viaria na rúa Virxinia Pereira Renda.

O alcalde lembrou que se trata “da execución física do acordo plenario, que adoptou a Corporación de Pontevedra, de adicarlle esta rúa a Virxinia Pereira Renda, persoa de Pontevedra, defensora do legado de Castelao”. 

Fernández Lores explicou que este acordo da Corporación enmárcase dentro da “decisión de visibilizar a potencia de mulleres desta cidade, que non estaban representadas no rueiro, non estaban recoñecidas socialmente, e para que os cidadáns de Pontevedra as coñezan”. Nesta clave xa existen varias rúas feminizadas. As máis recentes son: Josefina Arruti, María Victoria Moreno (que substituíu a Fernández Ladreda), Ernestina Otero, Vasquida García e Dolores Trabado (estas tres últimas na zona de Tafisa).

O alcalde lembrou que “creemos que esta rúa era merecente de cambiar o nome porque a persoa que o representaba (o rei emérito Xoán Carlos I) non é merecente -e cada vez é máis obvia esta percepción-. É o momento de cambiar por unha persoa que si merece ese recoñecemento”.