O novo centro de formación e inserción laboral da Fundación Juan XXIII estará rematado en setembro

227
  • O concelleiro Marcos Rey subliña a importancia dunha infraestrutura que dará servizo “a máis de 200 persoas con discapacidade, esencialmente intelectual, de Pontevedra e a súa comarca”
  • O proxecto permitirá xerar 10 postos de traballo estables para persoas con diversidade intelectual no Centro Especial de Emprego (CEE) e crear un centro de Formación Profesional homologado

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, desprazouse esta mañá ata a rúa Santa Lucía, no barrio de Campolongo, para comprobar a boa marcha dos traballos de construción do novo centro de formación ocupacional e inserción laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII. Tal e como lle transmitiu ao edil socialista durante a visita o director da Fundación, Diego Chapela, “as actuacións atópanse xa executadas nun 70%”, polo que agardan tela rematada e entregada no mes de setembro, “unha data sempre condicionada ao avance das obras de urbanización que vai iniciar a Once e que son as que permitirían pechar perimetralmente a parcela e completar a urbanización da mesma”.

Rey, que ademais de por Chapela estivo acompañado por María del Carmen Puga e Antonio Jar, patronos da Fundación Juan XXIII, polos arquitectos Manuel Abelleira e Eladio Riveiro e por responsables da construtora Bespi, subliñou a importancia dunha infraestrutura “que prestará servizos de mellora da empregabilidade e promoción do emprego para máis de 200 persoas con discapacidade, esencialmente intelectual, de Pontevedra e a súa comarca” e que vai xerar “dez postos de traballo estables para persoas con diversidade intelectual no Centro Especial de Emprego”. Segundo apuntou, o novo edificio, que ocupará unha superficie construída de 600 metros cadrados, “liberará os espazos que a Asociación Juan XXIII lle cedera á Fundación na súa sede de Pontevedra e que precisa para os seus proxectos de mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade”, e posibilitará a creación dun centro de Formación Profesional homologado en base aos estándares da Xunta”. 

Diego Chapela avanzou que este centro de FP aspira a converterse “en referente na aplicación de metodoloxías de formación baseadas na práctica, xa que son as únicas que funcionan con alumnos con discapacidade intelectual”. “A Fundación -constatou- conta con homologar, no primeiro ano, tres especialidades formativas relacionadas coas actividades de xardinería, xestión forestal e conservación do medio ambiente”.

Chapela indicou que nos vindeiros días poranse en marcha as obras de urbanización interior da parcela e a construción de muros de pedra na fachada que linda coa urbanización de San Blas. O edificio, que se atopa nun avanzado estado de execución (estanse realizando traballos de alicatado, instalación de falsos teitos, cristalería e colocación de equipamentos de aerotermia, fontanería ou electricidade, entre outros), terá unha planta baixa dedicada a oficinas, despachos de orientación, aulas de formación, sala de convivencia e comedor, e unha zona destinada a usos produtivos propios do Centro Especial de Emprego, que se distribuirá entre a planta baixa e o soto: almacéns de combustibles e maquinaria, taller de reparación, aseos, duchas e vestiarios.

Un orzamento duns 438.000 euros

A construción, realizada cun orzamento duns 438.000 euros, disporá dun sistema de enerxía limpa (aerotermia), carpintería de aluminio e cristalería de altas prestacións dende un punto de vista enerxético. Asemade, os teitos contarán cun revestimento de la de rocha de alta densidade, o que mellorará o illamento térmico e acústico, e crearanse 26 prazas de estacionamento. 

O director da Fundación Juan XXIII explicou que entre os obxectivos deste proxecto inclúese o de establecer e fortalecer alianzas co tecido empresarial para o deseño de programas de sensibilización e promoción do emprego, “contactando cunhas 85 empresas ao ano”. “Tamén queremos recuperar os programas integrados de emprego, impulsados en colaboración co SPEG e suspendidos por falta de espazos e polas medidas de limitación de circulación motivadas pola pandemia da Covid. Trátase de programas de promoción do emprego en empresas ordinarias mediante sistemas integrados na mellora da empregabilidade para 100 persoas con discapacidade, abordando orientación laboral, formación transversal en habilidades persoais, formación técnica, prospección de emprego e emprego con apoio”, asegurou Diego Chapela.

Entre os obxectivos do proxecto inclúese ademais a mellora da ratio de espazos por persoa e da calidade de vida dos traballadores con discapacidade do CEE con espazos de encontro social e descanso; a optimización da dotación de recursos técnicos e espazos que garantan a privacidade e a calidez na prestación de servizos de orientación e de apoio persoal, e o incremento da superficie destinada a almacéns (consumibles e maquinaria) e ao taller de mantemento de maquinaria, mellorando así os sistemas de xestión de mercancías e as condicións de seguridade das instalacións cun almacén destinado a combustibles e aceites.

“En definitiva -sinalou Chapela- incrementaremos o persoal técnico, dimensionaremos as seccións do Centro Especial de Emprego xunto coas súas respectivas dotacións de persoal con discapacidade e medios de traballo, recuperaremos programas valiosos como o programa integrado de emprego e emprenderemos como centro de formación”.

O director da Fundación Juan XXIII precisou que, de cara ao financiamento do proxecto, a institución está a levar a cabo “unha campaña de contactos empresariais para captar fondos a través das políticas de RSC (Responsabilidade Social Corporativa) das empresas, a aplicación de medidas alternativas ao cumprimento da cota de reserva ou simplemente pola mera vontade de querer contribuír ao proxecto”. A cambio, a Fundación ofrece a estas compañías servizos de asesoramento e apoio técnico sen custe en materia de inclusión laboral de persoas con discapacidade nas empresas.