Avalancha de peticións de información da liña de axudas Supera a ordenadores que xa recibiron 256 solicitudes

115

En só 4 días a Oficina Supera do Concello atendeu máis de 600 correos electrónicos e na primeira xornada resolveron dúbidas de máis de 500 chamadas telefónicas.

A Concellaría de Promoción da Cidade, encargada da xestión dos fondos, acorda ampliar o horario de atención ao público.

Anabel Gulías, a concelleira responsable, amósase moi satisfeita coa resposta da cidadanía e segue animando a os pontevedreses a interesarse e a optar a esta liña de subvención.

A Concellaría de Promoción da Cidade, xestionada por Anabel Gulías, encargada da xestión das axudas para a compra de material informático para escolares de Pontevedra, incluída no Plan Supera, recibiu 256 solicitudes nos 4 días que leva aberto o prazo para optar a esta subvención, é dicir, o Concello recibiu máis de 60 solicitudes diarias ate a xornada de onte. Esta liña está dotada con 400.000 euros e permitirá subvencionar cada ordenador cun máximo de 400 euros.

Ante a resposta dos pontevedreses e a avalancha de chamadas, Anabel Gulías amósase moi satisfeita pola grandísima acollida que están a ter estas axudas, especialmente importantes porque “é unha liña máis inclusiva e destinada a chegar a esas familias de recursos intermedios, que non están dentro das liñas de vulnerabilidade social do Concello de Pontevedra pero que están pasando unha serie de apuros”. A concelleira anima a todos os pontevedreses e pontevedresas que se poidan acoller a estas axudas, a que presenten unha solicitude xa que atoparán axuda nos profesionais da Oficina Supera.

Os datos de solicitude de información e consulta de dúbidas confirman a gran expectación. O día que se abriu o prazo, o pasado martes 20 de abril, o Concello recibiu máis de 500 chamadas na mañá, e nos catro días que leva aberto o proceso xa se recibiron máis de 600 correos preguntando distintos aspectos desta liña de subvencións.

A modo de curiosidade, recibironse chamadas de todas partes da provincia de Pontevedra, de familias preguntando como podían optar a estes fondos. Dende o Concello xa se lles informou que están pensadas só para veciños e veciñas empadroados en Pontevedra.

A oficina Supera amplía a atención ao público

Ante a gran avalancha de peticións, a Concellaría acordou ampliar o horario de atención ao público da Oficina Supera da rúa Dona Tareixa, que habitualmente abre as súas portas de 08.30 a 14.30 horas e atende con cita previa chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192). 

O horario vespertino será de 17.00 a 19.00 horas de luns a xoves. Para a semana que vén as citas presenciais xa están esgotadas.

Para axilizar toda a tramitación e facer máis fácil a petición das axudas por parte das familias, Anabel Gulías decidiu crear un rexistro propio dentro das propias Oficinas Supera así como unha plataforma de intermediación de datos con outras administracións que permitirá reducir os trámites que até o de agora tiña que facer o solicitante. Será o Concello quen realice esas xestións.

Todas as persoas interesadas tamén poden obter máis información destas e doutras axudas Supera na páxina do Plan: supera.pontevedra.gal 

Ao respecto das subvencións de ordenadores poderán cubrir o formulario pedindo calquera tipo de información ou de aclaración. Cabe lembrar que o prazo para presentar solicitudes está aberto até o vindeiro 19 de maio.

Requisitos da subvención

Os liñas básicas de subvención destas axudas son:

  • Compra de equipamentos informáticos ata un máximo de 400 euros e un máximo de 2.000 euros por familia.
  • Compras realizadas desde o inicio do estado de alarma, 14 de marzo de 2020, ata o 31 de decembro de 2021 
  • Os equipos informáticos deben ir destinados a alumnado matriculado no curso 2020/2021 en educación primaria e educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos 
  • A unidade familiar debe estar empadroada no Concello de Pontevedra 
  • O anticipo desta axudas será do 100% 
  • En canto aos requirimentos económicos terase en conta o número de fillos da unidade familiar e á renda da unidade familiar. Terán prioridade aquelas familias cunha menor renda e con maior puntuación. Os importes máximos son:

A Concellaría de Promoción da Cidade tamén quere agradecer a colaboración que recibiu por parte das Anpas e da Fanpa á hora de perfilar as bases estas axudas e de divulgar entre o alumnado a súa existencia, un traballo que se viu reforzado por parte do Concello nestes días entregrando información concisa aos colexios e os institutos da cidade que os alumnos levaron para as súas casas.

O Plan Supera

As axudas ao material informático, o aprazamento das taxas da auga, lixo e sumidoiros, e do pago do imposto de vehículos; a futura liña de axudas ao sector económico e comercial da cidade ou o programa de impulso á actividade de lecer e cultural da cidade a través dos Cabos Soltos, forman parte do Plan Supera, o plan de reactivación económica do Concello de Pontevedra para combater os efectos da pandemia da Covid.

Este plan resumido na web supera.pontevedra.gal céntrase en catro apartados. 

O primeiro é o coidado ás persoas, peza fundamental na que se inclúen as axudas para o material informático das familias ou o aprazamento de taxas e impostos. 

A segunda das patas vai destinada á atención da cultura e do deporte a través da creación de novas liñas de traballo con todos os establecementos que programan cultura na cidade, ou da aceleración do pago das axudas aos clubs da cidade.

A terceira liña de traballo atinxe directamente á economía local e está centrada na liña de subvención Supera21 pensada para pemes do concello cun investimento de 1,3 millóns de euros. A Concellaría de Promoción da Cidade está en pleno proceso de diálogo coas asociacións de referencia no sector para tratar elaborar unhas bases de subvencións definitivas no vindeiro mes de maio.

O cuarto ámbito de actuación do Plan Supera é a relativa á obra pública onde o Concello ten programado o investimento máis importante dado que se trata dun dos sectores tractores da economía local que redundan no efecto multiplicador dos fondos públicos. Aquí enmarcanse obras como Loureiro Crespo, A Santiña ou Barcelos.

O Plan Supera busca inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo centrándose en dar servizos aos cidadáns e mellorar a calidade de vida.