O plan de reforma integral do parque da Praza de Europa segue adiante coa mellora do pavimento e contempla a creación dunha pista polideportiva

27
  • Tras restaurar a zona de xogos e dotala dunha tirolina de máis de 20 metros, a Concellería de Desenvolvemento Sostible vén de finalizar o axardinamento e renovación do firme no seu contorno
  • O socialista Iván Puentes asegura que as obras recén rematadas son “a antesala dun ambicioso proxecto de mellora paisaxística de todo o parque, no que se investirán arredor de 60.000 euros”

Despois de investir máis de 27.000 euros nun proxecto para restaurar a súa zona de xogos da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, e dotala dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acometeu nestes últimos días os traballos de mellora do pavimento de terrizo do contorno desta área de lecer infantil. As obras, que foron executadas cun orzamento de 9.357,15 euros pola empresa Carpiglob SL (a mesma firma que renovou os xogos e instalou a tirolina) e que supuxeron a optimización do firme cunha achega de terra vexetal e a delimitación da rede de sendas internas mediante bordos de formigón, supoñen o pistoletazo de saída dun plan de reforma integral de todo o parque, no que se contempla a creación dunha nova pista polideportiva e renovación de todo o mobiliario.

Así o avanzou hoxe o concelleiro socialista Iván Puentes, responsable de Desenvolvemento Sostible, quen subliñou que estas últimas actuacións son “a antesala dun ambicioso proxecto de axardinamento e mellora paisaxística de todo o parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña, no que se investirán arredor de 60.000 euros e que terá como guinda a xeración desa pista multideporte na área interior, a que dá cara a igrexa”. “Se a esta cifra lles sumamos os case 40.000 euros que levamos investidos ata o de agora, estamos diante dun esforzo económico que rondará os 100.000 euros, á altura dun parque neurálxico na vida do barrio de Monte Porreiro e de uso intensivo por parte dos veciños da urbanización”, afirmou Puentes.

En opinión do edil do PSOE, a Praza de Europa precisaba desde había tempo “dunha intervención global que permitise dotalo dunha calidade urbana acorde coa relevancia que o parque ten para a veciñanza”, unha situación que o concelleiro se propuxo solventar desde o comezo do mandato. As obras executadas ata o momento incluíron, ademais da instalación da flamante tirolina, a transformación de toda a zona de xogos e a renovación do pavimento e de elementos vexetais nas áreas verdes do seu contorno.

No proxecto de reforma integral tamén se contempla a dotación dun sistema de rega nos xardíns que rodean o parque infantil e a plantación de arborado e planta arbustiva e a substitución dalgúns exemplares en mal estado, coa finalidade de xerar zonas de sombra e unhas mellores condicións a nivel de paisaxismo, así como a mellora da iluminación e a restauración de bancos e outro mobiliario.

Iván Puentes agarda que, cando regrese o bo tempo, a tirolina do parque se converta nun atractivo que achegue un maior carácter de aventura e ilusión para os pequenos de Monte Porreiro. O propio concelleiro ten a intención de probar en breve este elemento de lecer, construído en madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e ao que se pode acceder mediante rampla, con motivo dunha visita que realizará nos vindeiros días para supervisar a marcha dos traballos.