Benestar Social inicia o curso que permitirá formar e ofrecer traballo no eido da axuda no fogar a 10 persoas con dificultades de inserción laboral

26
  • O concelleiro socialista Marcos Rey asiste á xornada inaugural desta actividade formativa, que se desenvolve na Casa Azul en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades
  • O curso terá unha duración total de 28 horas, 16 teóricas e 12 prácticas, e unha vez finalizado, dará a oportunidade de traballar para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) pontevedrés

Proporcionar aos seus alumnos nocións básica de carácter preventivo e asistencial para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía non limitadores a nivel sanitario, social ou emocional é o principal obxectivo do curso que a Concellería de Benestar Social acaba de poñer en marcha na Casa Azul en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades, que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello de Pontevedra. A actividade formativa, que terá unha duración total de 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas) ofrece a un grupo de 10 persoas en situación vulnerable e con dificultades de incorporación ao mercado laboral non só as ferramentas para atender de xeito profesional a persoas maiores, senón tamén a oportunidade, ao rematar os cursos, de prestar os seus servizos no SAF pontevedrés.

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiu esta mañá á xornada inaugural do curso, “que pretende brindar unha formación básica e de calidade a cidadáns desempregados e en risco de exclusión social; ofrecerlles unha saída laboral e mellorar a súa empregabilidade, e previr e compensar a perda de autonomía dos nosos maiores, prestándolles axuda para realizar as actividades da vida diaria e manter o espazo doméstico en condición axeitadas de habitabilidade”. Así, as persoas beneficiarias foron seleccionadas en base aos criterios de prioridade marcados polos Servizos Sociais municipais, asinándose un convenio de prácticas coa empresa Idades, que incorporará ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas. “Agardamos que todos ou a maioría deles acaben sendo contratados para colaborar co Concello de Pontevedra na prestación do SAF”, asegurou o edil socialista.

Unha traballadora social con ampla experiencia no eido da atención a domicilio, e especificamente da atención a persoas maiores, é a responsable de impartir esta actividade formativa. Asemade, unha coordinadora encárgase de guiar as accións do curso, avaliando ao alumnado e realizando o seguimento das súas prácticas.

Entre as habilidades que os alumnos adquirirán no curso inclúense: atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no seu propio domicilio; atención ás necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora da contorna das persoas usuarias e da súa familia; apoio na realización doutras actividades necesarias da vida cotiá e de trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou semellantes;  seguimento das intervencións e/ou atencións necesarias na área da saúde, e actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables. 

O curso terá tres partes: unha entrevista persoal cos beneficiarios para ter información sobre os seus coñecementos previos, fortalezas e eivas; unha parte teórica, que se desenvolverá de xeito presencial na Casa Azul seguindo os protocolos Covid-19, e outra de prácticas, na que se farán labores de acompañamento a outra traballadora que preste servizos no Servizo de Axuda no Fogar. Tal e como subliñou Marcos Rey, “nesta crise que estamos a vivir, tanto no eido sanitario como no laboral e económico, este proxecto servirá para atopar emprego a un grupo de 10 persoas en situación vulnerable, con especial dificultade para acadar a inserción laboral e en risco de exclusión social”.

Na súa opinión, “o SAF é un recurso esencial das políticas sociais, especialmente na situación actual e co aumento da poboación envellecida, que demandan unha atención profesionalizada das persoas en situación de dependencia nos seus propios domicilios, en actividades básicas e instrumentais da vida diaria que lles faciliten a permanencia no seu contorno habitual, evitando o seu illamento e facilitando a súa autonomía”.