O poeta Marcos da Portela, a mestra Josefa Iglesias Vilarelle e o Pai Sarmiento protagonizan a décima obra mural de ‘O teu cole na historia’

81
  • A intervención artística realizada no CEP Marcos da Portela pola Concellería de Educación en colaboración con Polo Correo do Vento está presidida polo Carballo de Santa Margarita
  • Tino Fernández subliña “a boa acollida do proxecto” e avanza a súa intención de impulsar unha campaña divulgativa para que “os alumnos de cada centro coñezan a historia dos seus veciños”

O poeta do século XVIII natural de Monte Porreiro que lle dá nome ao centro educativo e que Sarmiento cita nas súas coplas é un dos principais protagonistas do décimo mural realizado no CEP Marcos da Portela por Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, no marco do proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación coa finalidade de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles. Ademais da personaxe inmortalizada por Valentín Lamas Carvajal na primeira publicación en galego, bautizada co nome de O Tío Marcos d’a Portela, nesta nova intervención artística tamén aparece (na súa parte baixa) o propio Pai Sarmiento, escribindo sobre o poeta ao abeiro do Carballo de Santa Margarita, patrimonio natural da nosa cidade, e en presenza dunha vacaloura.

Da outra beira, dende o Mirador de Monte Porreiro, enxérgase o tramo final do río Lérez e, abaixo á esquerda, aparece representada Josefa Iglesias Vilarelle, mestra de Mourente, autora dun Método de Lectura en Galego (o primeiro do seu xénero) que foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932. 

Tal e como indicou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “ata a data, o proxecto ‘O teu cole na historia’ xa deixou trazos da memoria e a natureza dos nosos centros educativos nos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo, a EEI  de Verducido e, agora, o CEP Marcos da Portela”. Polo Correo do Vento tamén ten previstas intervencións artísticas nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela, e a EEI Fina Casalderrey.

Tino Fernández subliñou “a boa acollida que está tendo o proxecto” e avanzou a súa intención de impulsar unha campaña divulgativa “para que esa historia que os alumnos coñeceron sobre os seus colexios tamén a poidan coñecer os rapaces doutros centros, intercambiando así esa memoria das personaxes que lles dan nome e os elementos máis senlleiros do contorno natural que os rodea”.