O proxecto Arte no Escaparate converterá aos comercios da cidade en escenarios dun circuíto artístico e cultural con música, danza, monólogos e clowns

153
  • A iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica fusionará actuacións de músicos, cantantes, bailarinas, clowns ou monologuistas nos escaparates de 18 tendas
  • Yoya Blanco pretende que este itinerario, que se desenvolverá o sábado 8 de maio, sirva para visibilizar o traballo de artistas locais e poñer en valor o comercio de proximidade

Visibilizar o traballo de artistas locais residentes en Pontevedra e poñer en valor o comercio de proximidade convertendo os seus escaparates en expositores e escenarios dun circuíto artístico e cultural son os principais obxectivos do proxecto Arte no Escaparate, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa fotógrafa e asesora de imaxe comercial Patricia Maquieira e a bailarina e coreógrafa Glau Fonseca. No marco desta iniciativa, o sábado 8 de maio desenvolverase nos ‘escenarios’ improvisados de 18 tendas e establecementos comerciais unha proposta multidisciplinar que fusionará arte e creatividade e que incluirá actuacións de músicos, cantantes, clowns, bailarinas, instrumentistas ou monologuistas.

O itinerario cultural, co que se pretende apoiar o regreso á normalidade de dous sectores especialmente afectados pola pandemia e fomentar as ventas no pequeno comercio, así como dinamizar e ambientar a nosa cidade, plantexa un percorrido a través de rúas e escaparates, nun ‘maratón’ de actividades entre as 10:00 e as 20:00 horas. O evento foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, a artista Patricia Maquieira e @s responsables dalgunhas das tendas implicadas no mesmo: Ana Barros, de Peluquería Ana Barros; Laura Pombo, de Pombalia, e Celeste Barros e Joaquín Álvarez, de Marilyn Coquette.

Segundo explicou a socialista, “a través de Arte no Escaparate búscase dar maior presenza nas rúas aos artistas e aos comercios de Pontevedra, reivindicando as gañas dos participantes por saír aos escenarios e a necesidade dos aplausos, as risas, a complicidade, as miradas da xente…”. Na súa opinión, “é de vital importancia fusionar estes dous sectores que tanto sufriron durante este ano e que agora teñen que volver a flote, xa que precisamos arte e creatividade nas rúas e respaldar a artistas, bailaríns, actores, músicos ou pintores”. “É necesario que acheguen luz, innovación, felicidade e cultura aos escaparates dos establecementos comerciais. As actuacións e performances estarán destinadas a tódolos públicos: nenos, adolescentes e adultos”, sinalou Yoya Blanco.

Tal e como avanzou Patricia Maquieira, os comercios que porán os seus escaparates a disposición deste proxecto son La Tienda de Raquel (praza de San José, 2), a perruquería Ana Barros (Riestra, 14), Vintage Village (Santa Clara, 3), Duos Moda (Virxe do Camiño, 1), Baúl de Veva (Fray Juan de Navarrete, 4), Mímate Delicatessen (rúa Real), Marilyn Coquette (Praza da Verdura, 2), Macos Moda Home (Benito Corbal, 16), Agasallo (Praza da Peregrina, 6), Eurekakids (García Camba, 11), Pombalia (Loureiro Crespo, 13), Tendencias Floristería (Loureiro Crespo, 19), Seven (Cruz Gallástegui, 20), Nakasa (Praza de Galicia, 5), Chema Sneakers (Daniel de la Sota, 9), Yamamay (Sagasta, 11), Quomo (Oliva, 12) e Mission Surf Shop (Peregrina, 48).

Un casting para seleccionar aos artistas participantes

Maquieira indicou que, dentro do ‘mapa do espectáculo’ deseñado para Arte no Escaparate, contémplanse 18 actuacións en horario de mañá e de tarde, “froito dun casting que permitiu seleccionar a grandes artistas dos eidos da música, a danza, o circo e a interpretación”. Deste xeito, o programa conta coas bailarinas Glau Fonseca e Raquel Martín; os músicos Helena Egea e Miguel Avatar; a actriz, cantante e presentadora Ariadna Santana; o músico e cantante Ricardo Ferreira; a instrumentista Eva Chispita, e os clowns e malabaristas de Asacocirco.

En nome dos e das comerciantes da cidade, Ana Barros, responsable de Peluquería Ana Barros, asegurou estar “encantada de participar neste proxecto e de ser unha das elixidas para representar a este sector tan afectado pola pandemia”, ao tempo que destacou o talento, as cualidades e o espírito emprendedor de tódalas persoas implicadas na iniciativa da Concellería de Promoción Económica.

Os horarios previstos para a distintas actividades son os seguintes:

10:00 h. La Tienda de Raquel: Glau Fonseca e Raquel Martín

10:30 h. Peluquería Ana Barros: Helena Egea e Miguel Avatar

11:00 h. Vintage Village: Ariadna Santana

11:00 h. Duos Moda: Ricardo Ferreira

12:00 h. Baúl de Veva: Helena Egea

12:30 h. Mímate Delicatessem: Miguel Avatar e Raquel Martín

13:00 h. Marilyn Coquette: Ariadna Santana

13:00 h. Macos Moda Home: Ricardo Ferreira

13:30 h. Agasallo: Eva Chispiña

17:15 h. Eurekakids: Asacociro (malabares/clown)

17:30 h. Pombalia: Miguel Avatar e Raquel Martín

17:30 h. Tendencias Floristería: Helena Egea

18:00 h. Seven: Ricardo Ferreira

18:30 h. Nakasa: Asacocirco

19:00 h. Chema Sneakers: Ariadna Santana

19:30 h. Yamamay: Ricardo Ferreira

20:00 h. Quomo: Miguel Avatar e Helena Egea

20:00 h. Mission Surf Shop: Asacocirco