Pontevedra acolle unha xornada sobre proxectos Edusi e Fondos Europeos de recuperación

32
  • Terá lugar o 7 de maio e contará con representantes municipais, do Ministerio de Movilidad, Transporte y Agenda Urbana, e da Comisión Europea
  • A asistencia poderá ser presencial ou telemática e a inscrición debe realizarse a través do mail  maismodelo@pontevedra.gal 

Pontevedra, 26 de abril de 2021. Anabel Gulías informou esta mañá de que o Concello de Pontevedra está traballando na organización dunha xornada enmarcada na Estatexia Edusi, dentro do progama ‘Máis Modelo Pontevedra’, na que se abordarán os proxectos realizados e en execución ao abeiro dos Fondos Europeos do presente período, así como as previsións para o período 2021-2027 e os Fondos de Recuperación – Next Generation. A xornada, que terá lugar o 7 de maio no Teatro Principal, reunirá durante a mañá representantes municipais, e de outras Administracións como o Ministerio de Movilidad, Trasnporte y Agenda Urbana e a Dirección General de Política Regional y Urbana da Comisión Europea. 

Anabel Gulías explicou que os obxectivos da xornada pasan por dar a coñecer os principais proxectos e resultados acadados na Estratexia ‘Máis Modelo Pontevedra’ nos últimos anos, así como presentar o estado de execución dos propios Fondos Edusi nos que o Concello de Pontevedra leva avanzado dunha forma substancial. Tamén se prevé que sirva para coñecer as oportunidades das entidades locais no acceso aos Fondos Europeos, tanto no que se refire ao Fondo de Recuperación Next Generation como ao novo período de programación de Fondos Comunitarios 2021-2027, de xeito que sirva para aclarar como será a definición destas liñas e de que xeito se poderá optar a elas desde os concellos. Por último, tamén mencionou que se abordará o papel do Concello de Pontevedra na implementación da Axenda Urbana Española e os Plans Estratéxicos de Acción Local.

A apertura da xornada, prevista para as 9:15h, correrá a cargo do alcalde. Miguel Anxo Fernández Lores, e da directora da Oficina de Onu-Habitat en España, Carmen Sánchez-Miranda Gallego. Seguiralle, ás 10h, un panel centrado no Modelo Urbano de Pontevedra baixo o título ‘Unha mirada á execución da Estratexia Urbana ‘Máis Modelo’, no que intervirán a concelleira responsable dos fondos Edusi, Anabel Gulías e os concelleiros de Obras Urbanas e Transporte e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Demetrio Gómez e Iván Puentes. Así, Anabel Gulías presentará os proxectos e obxectivos acadados a través da Estratexia ‘Máis Modelo Pontevedra’, Demetrio Gómez abordará novos retos relacionados coa mobilidade sostible, centrándose na posta en marcha do servizo de transporte a demanda nas parroquias do rural, e Iván Puentes centrarase na rexeneración do patrimonio natural urbano, coa recuperación do tramo soterrado e posta en valor do río Gafos. 

Ás 11h está prevista a intervención da subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Movilidad, Transporte y Agenda Urbana, Ángela de la Cruz, cun relatorio titulado ‘As cidades como motores da transición cara a un modelo máis sostible: A Axenda Urbana Española e os plans estratéxicos de acción local’. Ás 12h está previsto un relatorio sobre o Fondo de recuperación – Next Generation EU e o papel das cidades na recuperación, e ás 12:45 terá lugar a última intervención a cargo do director xeral de Política Regional y Urbana da Comisión Europea, Enrico Marescotti, que falará dos retos e desafíos das cidades europeas para o período 2021-2027.

A asistencia a esta xornada poderá ser tanto telemática como presencial previa inscrición, que debe realizarse a través do enderezo electrónico maismodelo@pontevedra.gal