O Concello avanza na compra do convento de Santa Clara

108
  • O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico informou aos grupos da corporación municipal de que “as negociacións están moi avanzadas” e que, aínda que quedan algúns flecos, por parte do Concello “non hai volta atrás”
  • O traslado dun pequeno cemiterio no xardín e o destino de elementos protexidos como os retablos, entre as cuestións pendentes e que se están negociando actualmente

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda anunciou esta mañá que as negociacións para que o Concello compre o convento de Santa Clara “están moi avanzadas” e que sigue habendo “bo entendemento entre todas as partes”. O concelleiro informou do estado da negociación a todos os grupos da corporación no marco da Comisión do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, na que tamén avanzou que a operación conta co visto bo e a autorización da Consellaría de Cultura da Xunta.

Xaquín Moreda explicou que todo o proceso desde que se anunciara a intención do Concello de comprar esta propiedade se levou “con discreción”  e que “se seguirá levando con discreción” ata que a operación estea pechada pero xa adiantou que “pola nosa parte non hai volta atrás”. Segundo informou, aínda non se poden revelar cifras relativas ao prezo final de compra por canto quedan algunhas cuestións que se están negociando actualmente, como é o posible traslado dun pequeno cemiterio de monxas no xardín do cenobio ou o destino de elementos mobles protexidos como son os retablos. No caso dos retablos, apuntou que as opcións son diversas, como por exemplo a venda ou a cesión en depósito, e algunhas delas suxeitas tamén a autorización por parte da Consellaría de Cultura, como no caso de que fosen retirados do seu emprazamento orixinal.

Moreda lembrou que a decisión de seguir adiante co proceso de compra foi firme tras a visita que realizara, o pasado mes de decembro, un amplo equipo formado por persoal técnico municipal das disciplinas profesionais competentes na avaliación. A visita realizárase para, en palabras de Xaquín Moreda “evitar sorpresas e descartar fallos de construción ou estutrurais”, e tras a inspección visual realizada comprobouse que os elementos principais, como o muro de peche e a igrexa están en boas condicións, e que o resto do edificio precisa rehabilitación pero que non presenta  nin problemas de humidades e nin nos muros de carga.

Sobre o destino da propiedade, Xaquín Moreda asegurou que a compra se realiza “para conservar o patrinomio”, co fin de evitar a degradación e a perda dun ben patrimonial sitado no centro urbano. Tras a compra, entraría en xogo unha nova fase na que se decidiría o destino do inmoble e outras posibilidades relativas á entrada doutras entidades no seu mantemento. 

Por último e en relación á posible data de compra, Moreda explicou que os prazos están suxeitos ao procedemento interno da Igrexa o que implica, ente outas cuestións, que a compra debe ser autorizada polo Vaticano.