Pontevedra impulsa un Circuíto de Atletismo en Pista para saciar a sede de competicións atléticas

292
  • O calendario deseñado pola Ximnástica e o Concello inclúe o XLVII Torneo Boa Vila, o XLV Trofeo Sociedade Ximnástica, o XXVI Trofeo Cidade de Pontevedra e o XXII Memorial Celso Mariño
  • Tino Fernández afirma que estas citas “están destinadas a que os atletas completen a preparación para os campionatos de Galicia e de España e teñan máis opcións de acadar as marcas mínimas”

Nutrir o calendario de competicións oficiais nas que os atletas poidan reflectir o traballo realizado nos seus adestramentos e saciar a enorme demanda existente de citas atléticas en pista, así como permitir que os máis pequenos e os iniciados teñan a oportunidade de coñecer o deporte desde o punto de vista competitivo, son os obxectivos esenciais do Circuíto de Atletismo en Pista deseñado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes. O calendario de citas previsto para os vindeiros meses de 2021 inclúe catro citas de atletismo de pista destinadas a atletas de toda Galicia, e en especial a deportistas do noso concello: abrirase mañá mércores 28 de abril coa celebración do XLVII Trofeo Boa Vila; o mércores 19 de maio, celebrarase o XLV Trofeo Sociedade Ximnástica Pontevedra; o mércores 2 de xuño, o XXVI Trofeo Cidade de Pontevedra, e o mércores 16 de xuño, o XXII Memorial Celso Mariño.

Ao longo destas xornadas desenvolveranse diferentes modalidades atléticas de carreiras, saltos e lanzamentos, con probas para tódalas idades e categorías, dende sub 10 ata máster. O Circuíto de Atletismo foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o responsable técnico da Sociedade Ximnástica e da organización do mesmo, Santi Ferrer, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen sinalou que este tipo de competicións “están destinadas a que os atletas poidan completar a súa preparación para os campionatos de Galicia e de España e dispoñan de máis oportunidades para conseguir as marcas mínimas de clasificación, complementando así os adestramentos con estímulos competitivos”.

Segundo subliñou o edil do PSOE, estas citas atléticas “permiten dar continuidade á aposta deportiva do Concello de Pontevedra” e, como xa é habitual, estarán “abertas a tódolos participantes que o desexen, respectando sempre os límites de participación establecidos nos protocolos Covid e dando prioridade aos atletas pertencentes aos clubs da nosa cidade”. “A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) será o lugar de celebración de tódalas xornadas e estímase unha participación duns 270 atletas por competición, o que sumaría un total de aproximadamente 1.100 participantes en todo o Circuíto”, apuntou Tino Fernández.

Neste sentido, Santi Ferrer explicou que “as probas celebraranse en base ao protocolo Fisicovid da Federación Galega de Atletismo, validado pola Xunta de Galicia, para asegurar o bo desenvolvemento das mesmas”, e lembrou que “as experiencias previas de competicións organizadas pola Federación nas instalacións do CGTD son unha garantía de que se van cumprir con tódolos requisitos e restricións necesarios para eventos destas características”.

Premios económicos e material deportivo como incentivos

Santi Ferrer avanzou que “como incentivo para a participación dos deportistas haberá compensacións de dúas categorías: por un lado, premios económicos ás mellores marcas por táboa WA de carreiras, saltos e lanzamentos, en homes e mulleres para os/as atletas de categorías sub 20 e superiores; e por outra banda, sortearanse catro vales de 50 euros en material deportivo entre tódolos participantes das categorías sub 18 e anteriores”. O responsable da organización do Circuíto indicou que tódalas cuestións referentes á competición serán publicadas a través da web da Sociedade Ximnástica ‘www.sgpontevedra.com’ e das súas redes sociais e que a páxina da Federación Galega de Atletismo tamén se fará eco da información destas probas.

Ferrer precisou que tódalas probas terán horario de tarde (entre as 17:00 e as 21:15 horas) e que o obxectivo deste calendario de competicións é “recuperar a tradición que había antes da pandemia, con algunha proba que xa ten máis de 40 anos, e dar unha oportunidade a rapaces da escola do club que veñen adestrando desde o mes de outubro, por sorte de xeito ininterrompido, e que non tiveron ocasións para competir”. “Ao estar incluídas no calendario da Federación, están autorizados a participar nestas probas, para as que tamén contamos coa colaboración de Supermercados Froiz e do CGTD, tódolos atletas da Comunidade, aínda que se lles dará prioridade aos da nosa provincia”, matizou.