Desenvolvemento Sostible inicia a poda primaveral das palmeiras actuando nas washingtonias robustas do contorno de Vila Pilar e a Praza de España

11
  • O enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura Eduardo Penedo Padín executa estes traballos de ‘perruquería’, nos que o departamento que dirixe Iván Puentes investiu 10.000 euros
  • As podas, que se realizan coa axuda dun camión-guindastre cun cesto para operar en altura, continuarán nas palmeiras dos Xardíns de Vincenti e afectarán a unha trintena de exemplares

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata a rúa Marqués de Riestra para supervisar o inicio dos traballos de poda e posta a punto das washingtonias robustas que a empresa de Eduardo Penedo Padín, enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura, realizou no contorno de Vila Pilar e a Praza de España. Estas actuacións forman parte dunha sesión de ‘perruquería’ primaveral no que o departamento que dirixe Puentes investiu 10.000 euros e que terá continuidade coa poda das palmeiras dos Xardíns de Vincenti, efectuando un cambio de ‘look’ nunha trintena de exemplares.

Tal e como explicou Puentes, os traballos, para os que se está a empregar un camión-guindastre dotado dun cesto para operar en altura, “abrangue o corte das pólas das dúas liñas de exemplares que presiden o paseo principal do parque das Palmeiras, así como da agrupación de washingtonias emprazada nas inmediacións de Vila Pilar e a outra illada na Praza de España, rematadas no día de hoxe”. A intervención tamén contempla a poda dun tilo de gran porte e a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe desta e doutras árbores senlleiras situadas nos Xardíns de Vincenti, coa axeitada retirada e tratamento dos restos.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible incidiu no feito de que “nun contexto no que as palmeiras de toda Galicia foron arrasadas polos ataques da praga do picudo vermello, os esforzos efectuados polo noso Servizo de Parques e Xardíns nun dos principais parques históricos do centro da cidade permítennos seguir presumindo duns exemplares saudables e de enorme beleza”. De feito, á marxe destes traballos de poda acometidos por Eduardo Penedo, unha empresa especializada en control de pragas, Galides SL, efectuou hai uns meses, coa axuda dun camión-guindastre cun brazo extensible que podía acadar os 50 metros de altura, unha serie de tratamentos fitosanitarios e unha exhaustiva revisión das palmeiras para garantir que todas continuaban sas e sen presenza do persistente verme.

Para o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, as palmeiras canarias dos Xardíns de Vincenti son uns dos exemplares arbóreos de maior valor histórico, sentimental e ornamental da cidade, xa que pertencen á época de creación dos grandes espazos verdes do centro urbano a partir de mediados do século XIX e da construción de grandes edificios públicos como a Casa Consistorial ou o Pazo Provincial.

No que atinxe ás árbores senlleiras dos Xardíns de Vincenti, o propio Eduardo Penedo Padín desenvolveu a finais do ano pasado unha serie de traballos para a conservación e protección de catro cedros do Himalaia, un proxecto ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou un orzamento de case 10.000 euros e que contou cunha subvención de 4.000 euros da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta (ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para 2020).