O Concello celebra a Festa dos maios cunha exposición e un obradoiro na Ferraría sobre como se fai un maio

117

Até o vindeiro 29 de maio, instálase unha exposición en escaparates comerciais da cidade con fotografías da festa dos maios dende 1991 até 2019.

A Asociación de Campañó amosará como se fai un maio na praza da Ferraría. Comezará a confeccionalo mañá e rematará o venres. O sábado e o domingo quedará exposto na Ferraría.

A pandemia volve a influir na celebración da Festa dos Maios de Pontevedra por segundo ano consecutivo. O ano pasado a celebración coincidiu co confinamento polo que a Concellaría de Festas, xestionada por Carme da Silva, optara por trasladar a celebración ao ámbito dixital. Neste ano, o maio sairá á rúa pero aínda non recuperará a celebración tradicional dado que a situación de pandemia non permite aos escolares nin ás asociacións reunirse para poder elaborar os maios nin ensaiar as coplas.

Neste 2021 a Concellaría de Festas programa unha exposición en distintos escaparates de establecementos comerciais da cidade e tamén amosará ao público como se elabora un maio.

Ao respecto da exposición que xa se pode ver nalgún escaparate da cidade, estará instalada até o vindeiro 29 de maio. Son fotografías de diferentes colexios e asociacións do concello realizadas polo fotógrafo Xosé Carlos Morgade entre os anos 1991 e 2019.

Os propietarios dos baixos comerciais colaboran con esta iniciativa permitindo rotular os seus locais con 44 vinilos situados nas rúas: Michelena, Gutiérrez Mellado-Oliva, Sabela II, Palma, Peregrina, Travesía do Comercio – Manuel Quiroga, praza de Ourense, Don Gonzalo, Pasantería, Ferraría, Sarmiento, Ferreiros, rúa da Ponte e rúa Real.

Ao respecto do maio que se instalará na praza da Ferraría, trátase dun obradoiro que ofrecerá a Asociación Cultural e Deportiva Campañó que todos os anos participa no concurso de maios. 

Dende mañá pola tarde, a partir das 19.00 horas, e até o venres pola tarde, os integrantes da asociación farán un maio e unha coroa na praza da Ferraría respectando todas as medidas de seguridade sanitaria e acotando en cuadrículas a praza da Ferraría.

O maio quedará exposto na praza o sábado e o domingo