O Concello renovará a súa imaxe corporativa coa mirada posta na Pontevedra creativa e de vangarda

117
  • O obxectivo é acadar unha imaxe que reflicta a proxección da cidade e os cambios na súa historia recente, atendendo especialmente ao seu dinamismo social e cultural e o seu papel nos grandes retos actuais, nomeadamente na loita contra o cambio climático 
  • Convocarase un concurso con dúas fases de selección, a primeira partires do portfolio e a segunda a partires de propostas de imaxe corporativa para o Concello 

Que “todas e todos os pontevedreses nos sintamos representados “ e que “amose dalgún xeito os cambios recentes da historia da cidade” son os dous grandes condicionantes do concurso que o Concello convoca para renovar a súa imaxe corporativa. Anunciouno esta mañá a concelleira de Promoción da Cidade, Contratación e Réxime Interior, Anabel Gulías quen asegurou que o obxectivo pasa por acadar unha nova imaxe que “responda á necesidade de recoñecernos como o que somos, como unha cidade innovadora, unha cidade de vangarda e unha cidade creativa”.

A concelleira explicou que a actual imaxe corporativa é unha adaptación do escudo oficial de Pontevedra (cuxos elementos están definidos oficialmente no DOG do 11 de xaneiro de 2002) e que na altura do 2021 “é necesario retocar a imaxe coa que vimos traballando estes anos e que tantas alegrías nos deu, porque está claro que veñen tempos novos e que o Concello está mirando cara o futuro”.

Anabel Gulías tamén aproveitou a presentación do concurso para incidir “na canteira impresionante que hai en Pontevedra de empresas que se dedican á comunicación gráfica, empresas que saltaron e trascenderon os límites, estudos multipremiados, e xente que está traballando aos máis altos niveis”. Aínda que o concurso está aberto a empresas e estudos de toda Galiza, a concelleira salientou especialmente que en Pontevedra “o listón está moi alto”.

As bases do concurso contemplan dúas fases. A primeira será de presentación do portfolio profesional de cada participante, do que se deben excluír traballos relacionados co Concello posto que se trata de promover o anonimato durante o procedemento. A segunda fase consistirá en seleccionar 4 empresas ás que se lles cursará convite para que presenten as súas propostas de imagotivo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. Nesta fase, as 4 empresas participantes serán compensadas con 600 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva. 

As bases serán publicadas oficialmente no taboleiro de anuncios electrónico do Concello de Pontevedra e no Perfil do Contratante da sede electrónica, e o xurado que participará na selección está formado por persoal municipal que inclúe dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da OTA, unha técnica de Secretaría e a propia concelleira de Réxime Interior e Contratación. Tamén se nomeará un comité de expertos cuxa composición se fará pública en canto se active o proceso.

Unha imaxe á medida da Pontevedra contemporánea

Anabel Gulías fixo un repaso polos principais aspectos que definen a evolución de Pontevedra nos últimos anos e que, dalgún xeito, deben estar reflectidos na nova imaxe do Concello. Así, mencionou “a proxección internacional e o feito de termos sido referenciais nunha serie de debates que siguen producindo pero que nós adiantamos, e é un feito que fai sentirnos moi orgullosas no traballo feito ata o momento”. Tamén definiu Pontevedra como “unha cidade nova, do futuro, viva, creativa, dinámica” e como exemplo disto citou “as máis de 1.000 actividades que organizamos neste Concello nos espazos públicos, algunhas delas, como o Salón do Libro, que son referencia en ámbitos culturais e nomeadas e postas como exemplo por outras cidades máis grandes”. Tamén fixo fincapé en que “Pontevedra é unha cidade comprometida coa loita contra o cambio climático, co coidado do planeta e o coidado medio ambiental na cidade” a través de iniciativas como “a compostaxe, os parques forestais, o coidado dos espazos públicos, o coidado do ciclo da auga, a economía circular e en definitiva, a Pontevedra do Efecto PO2”.

Ademais da Pontevedra actual, a nova imaxe corporativa tamén debe representar, en palabras de Gulías “a todas e todos os prontevedreses” polo que “o obxectivo é que o novo imagotipo sexa tanto para un veciño de Michelena como de Pintos, para un veciño de Monte Porreiro ou de Mollavao”.