Máis de 850.000 euros para substituír catro motores do bombeo de auga potábel de Monte Porreiro

15

A Concellaría que xestiona Raimundo González retirará as 4 bombas que levan 40 anos en funcionamento, captando a auga do Lérez cara a ETAP, para dar servizo a Pontevedra e a todos os concellos da ría.

O investimento será financiado polas melloras do contrato da auga.

O concelleiro responsable das infraestruturas hidráulicas do Concello, Raimundo González, presentou esta mañá o proxecto de mellora do bombeo de auga potábel situado no barrio de Monte Porreiro, á beira do río Lérez, que abastece a todo o concello pero tamén aos municipios da ría: Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e unha parte de Ponte Caldelas. Trátase dun investimento de 857.503,94 euros que ten un prazo de execución de 6 meses.

Raimundo González destacou que se trata dunha mellora substancial de todo o sistema de abastecemento de auga en “alta”.

O proxecto consiste en cambiar 4 das 6 electrobombas de succión instaladas no bombeo de Monte Porreiro, ademais dos cadros eléctricos de cada unha delas mellorando a seguridade do complexo. Os actuais son uns equipos que teñen case 40 anos e, aínda que se conservan en bo estado debido aos reiterados coidados de mantemento, atópanse xa obsoletos e esgotaron a súa vida útil.

A maquinaria que se instala son 4 bombas marca Flowserve modelo FPD B30 de 367 mm de diámetro de impulsor e bombean 202 l/s. Teñen un motor de 500KW.

Os seus motores son de alta eficiencia eléctrica (IE3) co obxectivo de reducir o consumo enerxético e, como consecuencia, as emisións de CO2.
Os cadros eléctricos das bombas levaran analizadores de redes, sensores de temperatura, vibracións…, para unha motorización das mesmas e estarán controladas dende o sistema de telecontrol do abastecemento de Pontevedra.
As outras dúas bombas que completan o actual sistema de succión (marca KSB-ITUR modelo BEV – 20 B/4 xa instaladas de 510 l/s), permanecerán dado que foron substituídas coas obras de ampliación da rede de abastecemento de auga de Acuaes.
Este sistema de captación permite levar á potabilizadora de Lérez o caudal para abastecer á cidade e a súa comarca. A combinación das bombas nunca supera os 1.000l/s dado que esta é a capacidade de tratamento da  ETAP.

A estación de bombeo
A estación de bombeo é unha instalación de captación e bombeo de auga, localizada na marxe esquerda do río Lérez, situada a uns 3 quilómetros de Pontevedra. Está constituída por 6 equipos de electrobombas, dos cales se substituirán 4.

A captación realízase a través dunha entrada de formigón reforzado que permite a entrada de auga á instalación do bombeo cunha comporta. Xa no interior da instalación, as electrobombas impulsan a auga até a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Lérez a través dun tubo de ferro galvanizado de 600mm que despois pasa a ser de formigón armado de 800mm.

Bombeo de Monte Porreiro
Bombeo de Monte Porreiro

O investimento multimillonario que o Concello de Pontevedra está a realizar en mellorar a rede do ciclo da auga no concello vén da man do contrato da auga, adxudicado á empresa Viaqua en 2018. Son moitos os proxectos que se puxeron e se están a por en marcha dende aquela, até acadar un investimento superior aos 58 millóns de euros: saneamento en todas as parroquias do rural, abastecemento na marxe esquerda do Lérez, grandes obras de infraestrutura hidráulica como a impermeabilización do depósito de 15.000 m3 da ETAP cun custe superior aos 544.000 euros, a mellora do bombeo de Monte Porreiro, ou reurbanizacións como a de Echegarai ou Porta Grande.