Promoción Económica convídanos a explorar os máis saborosos produtos naturais e ecolóxicos na I Feira de Alimentación ‘O Mellor da Terra’

254
  • O evento gastronómico, organizado pola firma Embruxo en colaboración co Concello e o colectivo Hoempo, celebrarase a fin de semana do 7 ao 9 de maio na Praza de España
  • A feira reunirá a 26 expositores, todos eles produtores propios, que exhibirán artigos tan variados como paté de centollo, ovos ecolóxicos ou viño elaborado en barrica de pedra

Os amantes dos alimentos máis selectos da gastronomía galega teñen unha cita inescusable en Pontevedra a fin de semana do 7 ao 9 de maio coa celebración da I Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. O evento gastronómico, organizado pola firma Embruxo en colaboración con Hoempo (Asociación de Hosteleiros de Pontevedra, Poio e Marín), reunirá na Praza de España a uns 26 expositores, todos eles produtores propios e practicamente todos procedentes de diferentes puntos de Galicia, cun obxectivo moi atraente: lograr que estes alimentos e sabores difíciles ou imposibles de atopar en grandes superficies cheguen directamente do produtor ás nosas bocas.

A feira, presentada esta mañá diante da Casa Consistorial (sede de Turismo de Pontevedra) nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; os responsables de Embruxo, Jorge Fernández e Ana Gato; o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo, e outros representantes do colectivo de hosteleiros e da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM), comezará a súa actividade o venres 7 de maio pola tarde, en horario de 17:00 a 21:00 horas, mentres que tanto na xornada do sábado 8 e como na do domingo 9 de maio haberá horario ininterrompido de mañá e de tarde, entre as 11:00 e as 21:00 horas.

En opinión de Yoya Blanco, “unha das cualidades máis salientables da proposta de ‘O Mellor da Terra’ é a gran variedade de alimentos que se poderán descobrer, xa que os organizadores conseguiron que practicamente non se repita ningún produto”. 

Deste xeito, tal e como avanzou a edil do PSOE, os que se acheguen ata a Praza de España durante eses días atoparán “desde mel casera ‘made in Vilagarcía’, marmeladas sen colorantes nen conservantes cun formato espectacular e unha combinación de sabores brutal e as mellores cecinas de León, ata artigos gourmet de marcas como Pimentón de La Vera, Comesetas, La Curiosa, Pepa a Loba (co seu paté de centollo), Santiago Roma (cun viño elaborado en barrica de pedra e unha cervexa artesá confeccionada a partir dun zume de albariño), Iberbouquet (que achegará xamón ao corte), Croquetas D (que ofertará máis de 14 variedades de croquetas procedentes de Lugo) ou Galo Celta (ovos famosos ecolóxicos que namoraron a Martín Berasategui e Amancio Ortega e que se venden a un prezo de ata dous euros)”.

“Por suposto, para aqueles e aquelas aos que nos gustan os doces de calidade, tampouco faltarán os postres, con auténticas delicias da man de firmas como Versos de A Ruda, da zona de Sanxenxo. Ademais, haberá unha enorme variedade de queixos (desde Zamora ata Arzúa) e, entre as novidades e sorpresas que traerá consigo esta feira, cabe destacar tamén a presentación das aceitunas de Embruxo, que levan un aliño moi especial”, engadiu Blanco.

Unha ruta de tapeo na que cada bar ou restaurante elaborará un prato

A grande mobilización e implicación do sector hosteleiro nesta feira é sen dúbida toda unha garantía para que esta primeira edición de ‘O Mellor da Terra’ se convirta nun éxito de público. Segundo revelou o presidente de Hoempo, “un dos principais atractivos do evento reside en que cada bar ou restaurante elexirá un produto da feira, presentará unha tapa con el e fará unha maridaxe dunha lista que lles enviarán os provedores”, aproveitando deste xeito as sinerxías cos hosteleiros, xerando unha suxestiva ruta de tapeo e “promovendo que os clientes vaian aos bares, proben a tapa e acudan aos postos da Praza de España a mercar eses produtos”. 

“A idea é que todos vaiamos da man, así que xa lles solicitamos aos produtores que nos pasen unha lista dos seus mellores alimentos e produtos para que poidamos elixir e elaborar as tapas máis deliciosas”, apuntou Daniel Lorenzo.

Jorge Fernández explicou que a principal pretensión de ‘O Mellor da Terra’ é lograr converterse nunha feira “distinta a todo o demais e na que tódolos produtos sexan naturais e de produción propia”, e desvelou que “aínda que por mor das medidas de seguridade impostas pola pandemia non haberá máis de 26 stands”, o éxito de convocatoria desta feira gastronómica foi tal que “mesmo se acabou xerando unha lista de agarda”. O responsable de Embruxo subliñou que “se ben a feira conta con algúns artigos de fóra da nosa Comunidade, practicamente todos, con excepción deses dous ou tres, son daquí, de Galicia”.