A calidade da auga da praia fluvial do Lérez volve situala no censo de zonas de baño de Galicia

34
  • Tralo correspondente período de avaliación, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade ratificou que a auga deste areal urbano obtivo “a clasificación provisional sanitaria de boa”
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, amosa a súa vontade de continuar adiante co proxecto de posta en valor dunha praia na que se investiron 50.000 euros o pasado verán”

As correntes que bañan as beiras da praia fluvial do río Lérez son unha garantía de saúde e benestar para aqueles que desfrutan mergullándose nelas. Non é unha opinión, senón un dato obxectivo refrendado pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade a través dun oficio remitido recentemente ao Concello e no que se anuncia a inclusión do areal pontevedrés no censo oficial de zonas de baño de Galicia. Segundo constata o departamento autonómico, “tras un período de avaliación da zona de baño por parte da Consellería”, obtívose, como acontecera en 2020, “a clasificación provisional de boa”.

No oficio asinado pola xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, lémbrase que a inclusión da praia fluvial do Lérez no censo autonómico “supón que se fará vixilancia sanitaria dela e que se recomende que estea exposto un cartel indicando a clasificación provisional sanitaria”. Para o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “este anuncio supón un espaldarazo ao traballo que iniciamos o pasado verán para converter esta praia, situada nun privilexiado contorno natural en plena cidade, nun espazo coa etiqueta de excelencia”. 

“Temos a intención de seguir adiante con este proxecto de posta en valor dun areal que dispón de moitos servizos e que é cada vez máis apreciado polos pontevedreses. O ano pasado fixemos un investimento duns 50.000 euros na súa mellora e posta a punto, cun paquete de actuacións e dotacións que incluíu, ademais da contratación dos socorristas e a realización dunha achega de 450 metros cúbicos de area, a execución dun zafarrancho de sega de herbas e limpeza en profundidade, a renovación do posto de socorrismo e a caseta dos baños coa imaxe da rede Verde Urbano e a instalación dun novo balizamento perimetral da área de baño (reparando e substituíndo as boias que se atopaban deterioradas e retranqueándoo uns metros río adentro co obxectivo de gañar zona de baño)”, subliñou Puentes.

Á marxe da renovación do posto de salvamento e á rehabilitación das súas fachadas exteriores, o servizo de socorrismo tamén se viu mellorado coa adquisición dunha cadeira de vixilancia e dun mastro, así como de bandeiras de cores para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido. No que atinxe á caseta que alberga a cantina e os tres baños, foi decorada cun vinilo impreso de tons verdes composto por motivos ornamentais, o nome da praia e o logo turístico da cidade, ademais de incluír os pictogramas de acceso aos retretes. 

Analizarase o estado da auga cada día durante o verán

O posto que acolle o servizo de socorrismo foi ‘customizado’ cos mesmos detalles decorativos, aproveitando os dous frontispicios que forman as augas do tellado. Exhibe os logos anteriores, o da Concellería de Desenvolvemento Sostible e un panel informativo no que se inclúen o plano da praia, as normas de uso e unha xanela de vidro para publicar cada día os datos do estado da auga en base á analítica realizada (as cores verde, amarela e vermella indicarannos se o baño está permitido, prohibido ou debemos facelo con especial precaución).

Iván Puentes agarda que a situación sanitaria “mellore substancialmente” coa chegada do período estival, de xeito “que o servizo de socorrismo poida comezar a funcionar con normalidade dende finais de xuño ata o mes de setembro e os pontevedreses desfruten en condicións óptimas dun areal excelente”. A Concellería de Desenvolvemento Sostible ten previsto poñer en marcha antes do verán diferentes actuacións destinadas a tal fin, entre as que se contempla a realización dun novo aporte de area e un zafarrancho de limpeza profunda.

O edil socialista lembra que, entre outras novidades orientadas a mellorar as ‘calificacións’ do areal pontevedrés, o Concello declarouno o ano pasado “praia libre de fume”, tal e como se pon de manifesto na cartelería instalada. O concelleiro apunta que este espazo “é cada vez máis empregado por familias con nenos”, polo que fai fincapé na necesidade de manter un comportamento cívico e un ambiente agradable, “evitando escoitar música ou radio a un volume inaxeitado e empregando as papeleiras para os refugallos”. “Non é un lugar para celebrar festas, senón unha zona para relaxarse, tomar o sol, desfrutar do son da natureza e, por suposto, mergullarse nas augas do Lérez”, sinala Puentes.