O Concello de Ames coñece as políticas de Xuventude de Pontevedra

18
  • O Local de Música e a programación de actividades que nel se realizan, principal interese do goberno municipal amesán

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, mantiveron esta mañá un encontro de traballo co tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e coa concelleira e coa técnica de Xuventude, Escarlata Pampín e Pilar Villaverde. O principal obxectivo da xuntanza era coñecer as políticas de Xuventude que se están a realizar en Pontevedra, nomeadamente no relativo á programación de actividades formativas que se levan a cabo desde o Local de Música. 

Este interese vén dado, segundo explicaron durante a reunión, pola planificación que están realizando desde o goberno municipal amesán para poñer en marcha unha iniciativa similar, para o que se achegaron a Pontevedra co obxectivo de coñecer de primeira man unha experiencia xa en funcionamento e contrastada. Neste sentido, tanto o alcalde como Alberto Oubiña explicaron as liñas básicas de programación coas que se está a traballar desde o Local de Música e que van dirixidas á formación e mentorización de grupos musicais formados por mozos e mozas e que, en última instancia, lles permite sacar adiante un traballo de gravación que lles facilite a entrada no mercado profesional. Pola súa banda, David Santomil e Escarlata Pampín explicaron que no concello de Ames xa contan cun local de ensaio, A Factoría, pero que o obxectivo é facer algún tipo de investimento para melloralo e adaptalo ás necesidades que demandan os grupos musicais e os músicos e músicas noveis do seu concello.

No marco do encontro de traballo, tamén visitaron o Local de Música e mantiveron unha reunión coa entidade que o xestiona, Xeneme, para coñecer polo miúdo o seu funcionamento e mesmo a adaptación que se está realizando para manter a actividade en liña debido á situación sanitaria. David Santomil tamén explicou que da poboación do Concello de Ames, o 19,70% corresponde a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, polo que lle conceden unha gran importancia ás iniciativas enfocadas a promover a formación e o ocio activo deste segmento de poboación. Neste contexto, tamén se interesaron polo funcionamento do programa da Concellaría de Xuventude de Pontevedra, Noites Abertas, actualmente en funcionamento e que tamén se foi adaptando a soportes dixitais e telemáticos atendendo á situación sanitaria deste ano.