O novo mural do CEIP Manuel Vidal Portela homenaxea aos atletas e piragüistas da cidade

75
  • A intervención artística realizada na antiga escola anexa de Maxisterio no marco do proxecto ‘O teu cole na historia’ reflicte a contorna da Ponte dos Tirantes baixo a ollada dunha gaivota patiamarela
  • Trátase da undécima obra mural realizada pola Concellería de Educación en colaboración cos artistas Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento

O CEIP Manuel Vidal Portela acaba de estrear un novo mural que homenaxea a atletismo e piragüismo, prácticas deportivas realizadas a diario nun espazo natural e urbano especialmente axeitado para tal fin, como son o último treito a pé do río Lérez e o contorno da Ponte dos Tirantes. Esta intervención artística realizada na antiga escola anexa de Maxisterio, na que non falta a ollada dunha desas gaivotas patiamarelas das que non é difícil atopar por estes lares, é a undécima efectuada polos artistas Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, no marco do proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles.

Ao longo destes meses, a iniciativa promovida polo tenente de alcalde, Tino Fernández, tamén permitiu adornar coa pintura da memoria e a natureza os muros dos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, os CEP Campolongo e Marcos da Portela e a EEI de Verducido. O proxecto levarase agora aos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo) e Santo André de Xeve e á EEI Fina Casalderrey. Ante a boa acollida que está a ter ‘O teu cole na historia’, o edil do PSOE anunciou a súa intención de impulsar unha campaña divulgativa para que a historia que os alumnos coñeceron sobre os seus colexios a poidan coñecer os rapaces doutros centros, intercambiando así esa memoria das personaxes que lles dan nome e os elementos máis senlleiros do contorno natural que os rodea.