Restaurado o cruceiro de Casas Novas e colocado na nova ubicación

18
  • O cruceiro, que fora danado polo impacto dun vehículo fai 4 anos, está instalado nunha finca próxima ao emprazamento orixinal
  • O traslado foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio, tras a solicitude cursada polo Concello atendendo a unha petición da Asociación de Veciños 

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda vén de supervisar os traballos de colocación do cruceiro de Casas Novas, en Mourente, nun novo emprazamento: unha finca particular moi próxima ao punto da beirarrúa no que se situaba orixinalmente. Este cruceiro, unha peza patrimonial catalogada, fora danado polo impacto dun vehículo en abril de 2017, quebrando o fuste e sendo retirado ante o risco de que o capitel se precipitase ao chan. 

Convén lembrar que a causa do accidente, ademais da restauración da peza tamén se puxo en riba da mesa, por parte da Asociación de Veciños, a necesidade de colocalo nun lugar máis afastado da estrada, de cara a evitar novos percances e garantir a súa correcta conservación. Atendendo a esta solicitude, o Concello iniciara os trámites perante a Dirección Xeral de Patrimonio para acadar a autorización pertinente para trasladalo, que finalmente foi concedida pero condicionada a que o cruceiro se manteña na mesma área. Para cumprir este requirimento, un veciño cedeu parte dunha finca particular, situada a uns metros da ubicación orixinal. 

O cambio de emprazamento correu a cargo dunha brigada municipal que retirou da beirarrúa a rocha que servía de base ao cruceiro e procedeu a arranxar o espazo deixando un itinerario peonil máis accesible e seguro. Ademais acondicionaron a finca na que unha empresa especializada en traballos arqueolóxicos colocou o cruceiro recén restaurado. A mesma empresa especializada foi a que se encargou da restauración da peza.

A reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á rehabilitación do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019. Naquel caso, tamén se recuperara a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos do basamento, xa que o primeiro dos chanzos permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa. Tamén naquela ocasión, o Concello solicitara perante a Dirección Xeral de Patrimonio autorización para un pequeno desprazamento na ubicación do cruceiro, pero manténdoo dentro da mesma área. No remate das obras, a veciñanza colocara no interior do basamento unha “cápsula do tempo” cun documento no que se recollía o ‘fito’ tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.