A liña de axudas para adquisición de ordenadores xa contabiliza 700 solicitudes

177
  • Anabel Gulías salienta a boa acollida desta convocatoria incluída dentro do Plan Supera de reactivación económica do Concello de Pontevedra

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, informou esta mañá que a liña de axudas para adquisición de ordenadores xa contabiliza 700 solicitudes presentadas, polo que “celebrou” a boa acollida desta convocatoria. 

“Imos a moi bo ritmo posto que estamos no ecuador do período de solicitudes, que remata o 19 de maio” asegurou Anabel Gulías, quen fixo un chamamento para que as persoas que vaian presentar as solicitudes en vindeiros días procuren achegar toda a documentación necesaria e evitar atrasos no seguinte período, que é o de resolución. 

A portavoz do Goberno lembrou que é necesario pedir cita previa na oficina Supera -a través da internet no enlace citaprevia.pontevedra.gal ou ben no teléfono automático 886 405 153, escollendo a opción Oficina Plan Supera 21- e que, se ben as citas están practicamente cubertas, tamén se atenden dúbidas relacionadas con esta convocatoria no teléfono 986 804 321.

Por último, e ante as recorrentes preguntas sobre se presentar a solicitude nos últimos días inflúe na resolución, Anabel Gulías asegurou que non se contempla ningún criterio de  resolución por orde de entrada, senón que se aplicarán os criterios relativos aos recursos económicos da unidade familiar, tal e como recollen as bases da convocatoria.