‘Cantámola en galego’, a exposición transmedia que celebra a revolución musical no século XXI

117
  • Catorce paneis, listaxes en Spotify e YouTube, e unha unidade didáctica permiten coñecer toda a variedade de estilos, formacións e solistas que compoñen o panorama musical en galego a día de hoxe
  • Estará exposta na praza de Ourense durante o mes de maio e a partires de setembro adoptará formato itinerante para achegarse a centros de ensino, centros sociais e mesmo a outros concellos
  • Está comisariada polo crítico musical Pepe Cunha e pola xornalista pontevedresa Teresa Cuíñas, e conta coa colaboración da escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial na autoría da unidade didáctica

O concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, acompañado polos comisarios Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, presentou esta mañá a mostra ‘Cantámola en galego’ que definiu como “un paseo pola nosa música durante os últimos 20 anos e un achegamento ás bandas, ás solistas e a todas e todos aqueles que están facendo música en galego en diferentes estilos por todo o país”.

Trátase dunha exposición ‘transmedia’ na que se combinan 14 paneis con listaxes de reprodución en Spotify, listaxes de vídeos en YouTube e unha unidade didáctica,  coa que, desde o Servizo de Normalización Lingüística, se oferta a posibilidade de coñecer oa ampla variedade de estilos e formatos do panorama musical actual en lingua galega. A mostra, que será inaugurada esta tarde nun acto encabezado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, permanecerá visitable na praza de Ourense durante todo o mes de maio e, a partires de setembro, será adaptada a formato itinerante -por medio de roll ups- e estará dispoñible para centros de ensino, centros sociais e mesmo outros concellos que a soliciten. Ademais, tamén se oferta unha unidade didáctica, tanto en formato impreso como descargable a través da web do Concello, para alumnado de secundaria realizada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial.

Alberto Oubiña explicou que esta mostra recolle toda unha eclosión musical nacida da revolución que no seu día supuxo o ‘bravú’ e asegurou que “esa revolución deixou semente, ampliouse, e cambiaron as maneiras de compoñer, cambiaron as letras, cambiaron os estilos musicais, e iso tamén favorece que, hoxe por hoxe, se escoite música en galego e ademais todas aquelas que o fan, o fan con orgullo na nosa lingua”. Indicou ademais que “desta explosión musical vimos avisando no Concello de Pontevedra desde hai anos” e puxo como exemplo o festival Galegote Rock, que ten achegado á cidade a moitas das bandas e das solistas de todo o país que aparecen na mostra.

‘Como soa o século XXI en Pontevedra’

Precisamente dos paneis que ilustran as iniciativas ao redor da música popular contemporánea en Pontevedra falou a comisaria desta parte, Teresa Cuíñas que titulou a compilación baixo o epígrafe ‘Como soa o século XXI en Pontevedra’.

A xornalista pontevedresa asegurou que se trata dun “directorio de recursos da Administración local de formación e de práctica a disposición da cidadanía e tamén un sumario de eventos culturais de iniciativa pública e privada”, e sobre todo que “tivemos en conta aqueles que tivesen máis conexión co público mozo, que son os primeiros destinatarios desta mostra”.

Así, aparecen referenciados eventos como Cantos na Maré, o Culturgal ou o Salón do Libro dos que afirmou que “forman parte do ADN do país e son inseparables da mocidade e da creación musical en galego”. Tamén festivais como Surfing the Lérez, Cabos Soltos e o Galegote Rock. Salientou especialmente o programa municipal Xeración Sónica, xa pola terceira edición, e o que denominou “ese milagre chamado o Local de Música”, que cualificou como “un laboratorio de formación, ensaio, gravación, socialización e práctica e, ademais,  eu teño para min que o local de música está chamado a escribir a historia da música nesta cidade e neste país”.

Por último, fixo fincapé en que a mostra “ademais do ánimo divulgativo tamén recoñece o enorme traballo profesional e artístico que implican estas accións” e insistiu en que “no global é un proxecto creado e pensado fundamentalmente para estimular na cidadanía, e nos adolescentes, a curiosidade e o interese pola música e sobre todo polas músicas en galego”.

Moito máis que música tradicional

Pola súa banda, o crítico musical Pepe Cunha situou o seu labor de comisariado como unha forma de “encauzar todo o que levo facendo durante 20 anos e tratar de compilalo por estilos, con respecto a como se expresan as artistas cun estilo e cunhas ferramentas musicais”. 

Explicou que “máis aló do que se coñece como música combativa ou tradicional que sempre se asociou ao galego sen ningún problema, temos propostas de todo tipo” e centrou o período no que se centra a mostra “coindicinte coa chegada de internet, co feito de que gravar e compartir música pola rede sexa moito máis barato e iso tamén contribúe a que haxa moitísima oferta”. Esta grande cantidade de oferta, esixiu no seu caso “unha peneira dos estilos” e, a este respecto, afirmou que “vai faltar xente pero penso que todas as propostas que están son imprescindibles”.

Asegurou que este proxecto “reafirma a miña ilusión por divulgar a música galega e divulgala dun xeito tan ‘oficial’ e con tanto coidado e tanto agarimo na presentación”, ao tempo que insistiu en que “hai un grandísimo descoñecemento de toda a variedade que temos, e hai toda unha fervenza de propostas que temos que poñer en valor e ensinarllas ao público”