Lores no inicio das obras de Montecelo: “Hoxe é un día histórico”

40

O alcalde asistiu ao acto simbólico xunto ao presidente da Xunta e recoñeceu que “hoxe é o día cero para que teñamos unha área sanitaria con todas as novas tecnoloxías. É un avance importantísimo”.

Lembrou que o Concello de Pontevedra colabora no proxecto mellorando o abastecemento, a rede viaria, achegando 4 millóns para expropiacións e condonando o cobro do IBI.

O Concello de Pontevedra estivo esta mañá representado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores no acto simbólico de inicio das obras do novo hospital de Montecelo, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que se celebrou ao carón das actuais instalacións sanitarias de Mourente.

“Estamos contentos porque, finalmente e despois de décadas de avatares, por fin vai ser unha realidade un Gran Montecelo que atenda a todas as necesidades de hospitalización de agudos, consultas externas… para unha área sanitaria de 290.000 habitantes, que creemos que era necesario”, indicou Fernández Lores.

O alcalde de Pontevedra relatou que “houbo anteriores intentos -de construír un novo hospital- que fracasaron e que son coñecidos pola opinión pública”, polo que concluíu que “hoxe é un día histórico”. O futuro será dispor dunha “área sanitaria con todas as novas tecnoloxías, coas camas suficientes para agudos nun mesmo edificio. É un avance importantísimo”, asegurou.

No día cero, tal e como o definiu Fernández Lores, o alcalde pediulle á empresa que “axilice ao máximo o seu traballo e que o faga nunhas condicións ben feitas e cun traballo exquisito porque é para un hospital público que queremos que dure moitísimos anos”. De feito restoulle importancia aos prazos, e afirmou que “me dou por satisfeito se en 4 anos está o hospital. Logo se é en 2 e medio ou en 3 e medio, pois mellor, pero sempre aparecen complicacións que poden facer que se atrase”.

Fernández Lores lembrou a participación do Concello de Pontevedra nesta obra a través da sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia no que se comprometía a mellorar o abastecemento de auga (obra xa realizada), a executar a rede viaria do novo hospital que se fará coa colaboración da Deputación provincial; a achega de 4 millóns de euros en efectivo para as expropiacións, ademais da condonación do IBI do centro hospitalario. “Unha cifra que se aproxima aos 20 millóns de euros que é unha contía moi importante para unha administración local”, indicaba o alcalde.