O Concello volve instar á Xunta para que derrube unha nave ilegal en Marcón

166
  • Atendendo ao malestar da veciñanza e á resolución do recurso dun particular, o Goberno municipal volve instar á Administración autonómica para que faga efectiva a demolición e “non perpetúe o problema”

A Xunta de Goberno local vén de acordar instar de novo á Xunta de Galicia, concretamente á APLU ( Axencia de Protección dá Legalidade Urbanística), para que faga efectivo o proceso de demolición e paralización de calquera actividade nunha nave ilegal situada no lugar de Vilafranca, en Marcón, destinada ao despezamento de automóbiles. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías informou que esta decisión de instar á Administración autonómica a que se execute a orde de demolición chega despois dun acordo similar de fai uns meses e do que o Concello non obtivo ningunha contestación ao respecto.

Gulías explicou que desde entón aconteceron dúas situacións que levan ao goberno municipal a volver dirixirse á Xunta. A primeira é un recurso que presenta un particular no Xulgado, a finais de 2020, manifestando o seu rexeitamento contra a inactividade da Administración autonómica para resolver a situación. O recurso resólvese a favor do demandante e establece un prazo de 3 meses para que se tomen medidas. A segunda, situouna nos encontros que o concelleiro coordinador do Rural, Alberto Oubiña, mantén coa veciñanza e coa ANPA por esta cuestión e na lle que manifestan o seu malestar e as situacións de incomodidade que se producen no lugar con motivo da actividade da nave. Ante esta situación, Anabel Gulías asegurou que “instaremos periodicamente e ata que se resolva a situación, á Xunta para que tome medidas reais porque esta situación lonxe de arranxarse estase perpetuando”.

A portavoz do Goberno, lembrou que esta nave de despezamento de automóbiles fora declarada ilegal polo Concello por carecer da licenza municipal obrigatoria ao estar situada en terreo rústico non urbanizable. Por este motivo, a orde de demolición pasara á Xunta de Galicia, posto que o Concello non ten competencias nesta materia, e o ente autonómico ordenara a demolición en 2006.

DESGUACE MARCÓN II
DESGUACE MARCÓN VI
DESGUACE MARCÓN I